As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González

Sabela González

As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa

Galaxia, Vigo, 2013, 232 páxinas, 13 €

 

Non é doado transitar por camiños do que se dá en chamar literatura fantástica, onde tantos e tan extraordinarios exercicios literarios se deron ao longo da historia… Os universos ficcionais cheos dunha poderosa forza imaxinativa da man de Tolkien, Ende, Lewis ou Pullman; de Ferrín ou, máis recentemente, de Elena Gallego e a súa triloxía do Dragón de mirarmos para a nosa tradición, non me deixa mentir. Non é doado tampouco saír indemne dese intento de facer unha incursión contemporánea nestes eidos e ofrecer como resultado unha novela ben construída, canónica para o seu xénero en moitos sentidos, algo innovadora noutros,  e sempre suxestiva para quen se achegue a ela. Por riba, se se trata da primeira obra publicada dunha autora, neste caso Sabela González, unha burelá aveciñada en Vigo, que ideou e traballou neste proxecto case unha década, coido que hai razóns para felicitarse.

        Este Bágoa de lúa, primeira entrega dunha triloxía que irá publicándose proximamente, cumpre á perfección aquelas expectativas que calquera afeccionado ao xénero poida agardar. Velaí como, situada espacial e ficcionalmente nun tempo de evocacións medievalistas, se desvela un particular e sólido universo territorial, alimentado
da precisa verosimilitude a través mercé unha abondosa referencia a illas, lagos, vales, bosques, vilas e montes de sonora e estraña eufonía, ao que se lle engade a suxestiva introdución dunha chamada “lingua antiga”, que conta cun alfabeto propio e que representa un factor aglutinante coa historia. Esta é, así, a atmosfera onde a protagonista, Berenguela, vai verse envolta nun rodopío de aventuras onde non faltan tramas marcadas polas traizóns, pola cobiza de poder ou por corruptelas, onde a presenza dun obxecto máxico, neste caso un amuleto que cómpre custodiar e defender, nucleará parte do argumento e, ao tempo, permitirá ir asistindo á coidada e minuciosa evolución da personalidade da protagonista,  ao ir gañando esta, aos poucos, madurez e responsabilidade.

      Resultan salientables, finalmente, tres elementos que contribúen a alicerzar con éxito esta proposta: esa escolla particular e efectiva que sitúa o argumento nun contexto de marcada relevancia matriarcal, ben pouco adoito neste tipo de textos no que os roles asignados ás mulleres adoitan case sempre ser marxinais ou pasivos; a coidada ambientación e detallismo descriptivo no que se refire a hábitos, lugares ou obxectos,  alén ao meu ver dalgunha referencia se cadra cuestionable pero que en nada afea o balance global da proposta e, por último, unha armazón estrutural que esixe un receptor activo, que vaia seguindo os acontecementos de maneira non lineal.

         Polas razóns arriba amentadas creo que cómpre saudar con satisfacción esta Bágoa de lúa, á espera xa das dúas entregas que están por vir e que, non é difícil conxecturalo, completarán con éxito esta serie.

Esta recensión, baixo o título de “Nos camiños da ficción fantástica” publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 10 de agosto de 2013.

1 Comment

Os comentarios están pechados.