O elefante branco, de Xesús Fraga

Xesús Fraga

O elefante branco

Tambre, Vigo, 2013, 170 páxinas,  13,20 euros

Ninguén sospeitaría que esta última novela de Xesús Fraga, titulada O elefante branco ofrecería, en doses distribuídas con intelixencia, unha trama na que se dan a man momentos clave e particulares na vida dun protagonista situado nesa fronteira que vai desde a adolescencia, ou preadolescencia, e a mocidade; fiándose coa sorprendente presenza do ilusionista lucense Conde de Waldemar e remexendo, ao tempo, nos asuntos que puideron levar a Fole a escribir o relato “A caixa dos habanos”, integrado na Terra brava, a carón de historias de espías nazis, os ecos que producen as vivencias da emigración e mesmo algún acontecementos máis.

       Pode, se cadra, semellar que Fraga fai confluír demasiadas liñas argumentais e que algunha corre o risco de quedar solta, mais non é así. O autor ofrece aquí unha proposta moi atinada diso que se dá en categorizar como novelas de fronteira, isto é, textos literarios, sinxelos mais complexos á vez, con diversos niveis de lectura e operativos para diversas xeracións de lectores; e faino con efectividade e interese pois todos os elementos que manexa non deixan amosar as suturas.

         Velaí como a partir das evocacións que o protagonista realiza dun verán que pasa afastado dos seus pais, e recluído nunha casa-fonda que rexentan os seus avós en Lugo, perfílase un mundo diáfano, deseñado sen melancolía. Un período de aprendizaxe que determina, nalgunha medida, o propio futuro do protagonista e onde a devandita cidade  cobra especial protagonismo como espazo vital, cruzándose evocacións que van desde o matadoiro da Frigsa ata o adarve, desde a ponte da Chanca ata a propia estación do tren lucense.  Como sinalei, alén da sombra sempiterna da figura e mais da obra de Ánxel Fole que paira sobre o relato, clave por outra parte na explicación do seu título e no  desvelamento dunha historia protagonizada pola presenza duns nazis no Círculo das Artes en plena posguerra, a figura do ilusionista lucense Rodríguez Saa, tamén chamado conde de Waldemar –asediado biograficamente con fortuna en O misterioso Dr. Saa (Xerais, 2012),  un traballo subscrito por Xosé Díaz e Belén Fernández- nuclea un dos focos de interese deste libro: o Dr. Saa camiña xa polos derradeiros días da súa vida, recorrendo con frecuencia ás evocacións dun pasado cheo de luces e sombras, pero sempre fascinante onde tanto ten o grao de verosimilitude do que conta pois, na realidade, o que agroma é esa capacidade comunicativa do personaxe de mans dadas coas súas habilidades e mais tamén coa constatación do paso do tempo.

       A realidade, por outra parte, da emigración á Gran Bretaña –esoutro lugar común na obra de Xesús Fraga que non podía faltar-, o mundo dos sentimentos e mais das relacións familiares desveladas a través dunhas cartas cruzadas ou a presenza da figura do avó Nicasio, un ferroviario por vocación que lle descubre ou redescubre o gusto pola lectura ao protagonista, son algúns ingredientes dun cóctel literario, teño para min,  moi  recomendable.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 17 de agosto de 2013, baixo o título de “Maxia, literatura e sentimentos”.