Novela negra: outros tempos

O XÉNERO MOSTRA UNHA GRAN VONTADE DE RENOVACIÓN E SUPERACIÓN DE ESTEREOTIPOS, CON DIEGO AMEIXEIRAS E MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ COMO ABANDEIRADOS

MÁIS ALÁ DOS CLÁSICOS

As propostas máis canónicas da narrativa negra galega, non exentas dunha vontade de renovación e superación de estereotipos, proveñen nos últimos tempos, tanto por intensidade nas publicacións como por interese literario, de dúas voces fundamentais que son Diego Ameixeiras e Miguel Anxo Fernández. Estas conviven con autores máis vagarosos no ritmo de publicacións, aos que se lle suman voces que se abren ao xénero como representa Francisco Castro, premio Novela por Entregas de La Voz deste ano.             Velaquí, talvez, un dos mellores xéneros que evidencian as eivas do noso tempo e radiografan a realidade, ao tempo que se hibridizan con outros modelos. A seguir, algúns títulos que o exemplifican.

Miguel Anxo Fernández

Bícame, Frank

Galaxia, Vigo, 276 páxinas, 19,50 €

A excelente noticia da reedición, en poucos meses, de Bícame, Frank, o que constitúe a última entrega de narrativa negra de Miguel Anxo Fernández, testemuña a aceptación entre o público lector das propostas dun escritor que vén transitando con teimosía e talento por estes camiños desde hai ben de anos como ben amosa esa “serie” de novelas que catapultan ao autor como un dos máis salientables entre os do seu xénero.

       Deste xeito cómpre xa falar doutra “aventura” de Frank Soutelo, un investigador solidamente deseñado que foxe de estereotipos actuando como protagonista e “marca” inevitable, exhibindo, se se quere, unha filosofía peculiar e intransferible alén do asunto argumental que se recree. Así, calquera que se achegue a estas páxinas vai verse mergullado, a través dun ritmo trepidante que percorre diversas vilas e cidades galegas, na
resolución dun caso que no fondo son varios, onde manuscritos e papiros se dan a man con intereses e actividades ilícitas onde nunca se perde de vista o ocasión de deitar esa ollada crítica á  realidade que vivimos no noso tempo.

Diego Ameixeiras

Todo OK

Xerais, Vigo, 136 páxinas.  16,65 €

 

Á espera de Matar lentamente, de Diego Ameixeiras, a  vindeira entrega que este outono chegará ás librarías, Todo Ok paréceme un espello desde o que se ofrece un retrato contemporáneo dun territorio como é o do narcotráfico de mans dadas coa análise da propia condición humana e as causas de fondo da miseria moral dalgunhas actuacións, todo ollado con outra perspectiva onde a estrutura da novela, a profundidade dos personaxes e as súas contradiccións internas, a axilidade do
ritmo narrativo e o certeiro deseño de atmosferas non son focos menores de interese.

Domingo Villar

A praia dos afogados

 Galaxia, 276 páxinas, 19, 50 €

Tras Ollos de auga, A praia dos afogados de Domingo Villar, novela que foi Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009,  Premio Losada Diéguez de Creación Literaria ou  Premio Brigada 21 de novela negra entre outros merecementos, acadou tamén un bo número de edicións  e é, ata o de agora, a última e exitosa entrega dun autor que aínda traballa na versión definitiva da súa seguinte novela, devecida por moitos lectores e que se incorporará, quen dubida que con éxito, a unha serie que foi e é aínda todo un acontecemento literario entre nós.

Fran Alonso

A punta de pistola

Xerais, Vigo, 2012, 144 páxinas, 11,35 €

 

Galardoado, inicialmente, na duodécima edición do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia, este  volume    subscrito por Fran Alonso simboliza á perfección o resultado da hibridación que se apuntaba arriba. Velaquí unha novela na que o conflito, e a súa evolución, vai mesturándose en doses convenientes con elementos da novela negra fundidos cos da exhibición dunha problemática social concreta sen esquecer, ademais, un deseño global de fronteiras esvaecidas entre a novela para adultos e a xuvenil, sempre cunha pulsión narrativa envexable.

Ramón Caride

Sarou / Louzós

Xerais, Vigo, 184 páxinas, 16,65 €

 

Aínda que o lector atopará nesta novela de Ramón Caride textos de filiación diversa, interésame a primeira das partes titulada Sarou pois na realidade é una novela curta onde agroma un universo constrinxido, tanto por unha ríxida redución temporal como pola estrutura contapuntística que exhibe, no que o ritmo narrativo vertixinoso, mais a presenza dun mundo rexido pola violencia e a constante alusión á morte, responden ás esixencias do xénero construíndo un retrato  fiel dunha sociedade deseñada con crueza en todas as súas posibles dimensións.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 24 de agosto de 2013, baixo o título de “Novela negra: outros tempos”.