Cleopatra. Raíña do Nilo (ilustracións de Daniela Volpari; tradución de Ánxela Gracián)
Baía Edicións, A Coruña, 2013, 36 pp., 13,50 €
Oliver Twist (adaptación de J. Saumane; ilustracións de D. Volpari; tradución Ánxela Gracián)
Baía Edicións, A Coruña, 2013, 44 pp., 13,50 €
Resultoume interesante a lectura destes dous volumes arriba amentados que vén de poñer en circulación Baía Edicións, editados requintadamente, en gran formato e capa dura.
Por unha banda, Cleopatra. Raíña do Nilo incorpora como novidade converterse nunha aproximación ao xénero biográfico para unha franxa de idade -por volta dos seis aos dez anos- onde non resultan precisamente abondosos os libros destas características, isto é, textos adaptados -malia que ao meu ver unha maior simplificación léxica do orixinal facilitaría o acceso a un lectorado máis novo- para se mergullar nos meandros dun discurso narrativo inspirado nas vivencias dun personaxe, que neste caso se corresponde a Cleopatra. Velaquí, así pois, os socalcos claves da súa vida, a carón de numerosas referencias históricas que afondan, asemade, nas consecuencias que as súas decisións supuxeron tanto para ela mesma como para Exipto, e onde o pano de fondo da relación sentimental con Marco Antonio e o seu tráxico final definiron, en boa parte, a súa vida e a súa morte. Non resulta de menor interese, abofé, tanto a lucida tradución de Ánxela Gracián como as magníficas ilustracións de Daniela Volpari, constituíndo ambas as dúas o mesmo equipo que intervén desempeñando idénticas funcións en Oliver Twist.
Ao tempo, que dicir deste Oliver Twist que aquí se ofrece? A historia, extraordinaria onde as houbese, transmite plástica e fielmente as esencias do orixinal. Nel non se suaviza nin amolece o discurso directo e arrepiante dunha historia conmovedora, construída a través da acumulación de coitas, do deseño plástico de ambientes sórdidos e requintados poboados por delincuentes ou adiñeirados, da aplicación dunha xustiza guiada pola severidade mais onde tamén se cede certo espazo á esperanza… Todo isto retrata ese tempo da Inglaterra vitoriana que, malia o tempo pasado, dá aínda moito que pensar e, por suposto, adaptado nesta ocasión para quen xa gusta de ler historias: lectoras e lectores do futuro que cómpre coidar.