Yeats adóitase citar nos estudos literarios e culturais galegos como unha figura que exerceu certa relevancia no ámbito dramatúrxico cando a Irmandade da Fala da Coruña reparou no modelo ofrecido polo Teatro Nacional Irlandés (Irish National Theatre), que fundara o poeta irlandés e mais Lady Gregory no Abbey Theatre de Dublín, para crear o denominado Conservatorio Nazonal do Arte Galego, baixo o obxectivo de dotar dun impulso preciso á dramaturxia galega.
Por esta razón e mais polo emprego habitual do pasado mitolóxico celta nas súas pezas teatrais traio aquí este manuscrito tirado dunha fantástica exposición organizada pola National Library of Ireland baixo o título de “The Life and Works of William Butler Yeats”. Hai unha espléndida versión na rede desta exposición que recomendo visitar, de gozar dun pouco de vagar, nesta ligazón.