A ÚLTIMA PROPOSTA DA ESCRITORA DE MONDOÑEDO, POLO DE AGORA EDITADA SÓ EN LINGUA GALEGA, É O ANXO DE EVA (XERAIS). FALAMOS SOBRE ESTE LIBRO E A SÚA TRAXECTORIA LITERARIA
Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) é unha narradora de dilatada experiencia e catedrática de Literatura Española na Universidade Complutense de Madrid. Como investigadora son decenas os traballos realizados sobre diversos autores, entre os que destacan aqueles centrados en Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro, así como os seus estudos sobre poesía e prosa contemporáneas. As súas novelas máis coñecidas –Tristes armas, Recóndita harmonía ou Quen matou a Inmaculada Silva?- foron traducidas a numerosos idiomas.
-Vivir fóra de Galicia cre que determinou a súa carreira de escritora?
-Eu creo que é fundamental onde naces e onde vives os teus primeiros anos e as relacións que mantés nesa fase. Sempre digo que levo comigo a “nube galega”…, dá igual que estea a escribir baixo un sol abrasador; esa “nube”, esa “néboa” sempre vai comigo…, sempre estou en “Brétema”.
-Dende os seus comezos literarios alternou o uso do galego e o castelán. Que proceso o conduce a escoller un ou outro idioma para escribir?
-Eu vivín nunha familia na que o meu pai era castelán, de Toledo, e a miña nai e a miña avoa eran galegas e, naturalmente, entre elas falaban entre elas en galego. Eu vivín con naturalidade esta duplicidade, aínda que a miña nai me falaba sempre en castelán polas convencións sociais daquela época. Para min, así pois, o natural é escribir nas dúas linguas.
-Cal é o peso de Mondoñedo na súa obra?
-As vivencias da infancia son determinantes na vida dun escritor. En Mondoñedo vivín ata os dezaseis anos, despois marchei a Lugo, Santiago e Madrid, pero mentres non me independicei da miña familia vivín en Mondoñedo. Ese universo está na miña obra: “Brétema” -ese lugar onde os meus personaxes, viven, ou volven, ou están…- de Mondoñedo ten moito, como tamén ten do mar de Foz ou da muralla de Lugo…, ten cousas dos sitios en que fun vivindo aínda que, fundamentalmente, ese silencio que hai en Mondoñedo, o son das campás, a natureza.., iso si que o botei moito de menos sempre.
–Que resortes a conduciron a escribir a súa última novela?
-Fundamentalmente a nena que aparece na novela, Eva. Ela é un dos personaxes que ten máis relación coa miña vida. Hai xa case vinte anos coincidía cunha nena que ía ao colexio, eu lle preguntaba como lle ía cos seus estudos e sempre me contestaba “bah”, sen moito entusiasmo…, pero un día dígolle ” tes noivo? “, e díxome que si, entusiasmada. Eu quedei sorprendida porque tería 11 anos e dende aquel momento empecei a fixarme nas adolescentes porque elas viven unha evolución moi rápida nas súas vidas, moito máis que os adolescentes.
-A presenza de narradoras na literatura galega contemporánea é moi estimable, ao meu xuízo, en calidade e cantidade… vostede, que foi pioneira neste ámbito, como valora esta realidade?
– Ao meu parecer o movemento das mulleres é imparable. Eu creo que non é algo específico de Galicia: é un movemento universal, somos o último movemento emerxente. As mulleres, como colectivo que estivo moi reprimido durante moitos anos, toman conciencia delas mesmas.
-Afirmaba nalgún sitio que escribe para entender o mundo, polo que entendo segue perserverando nese intento…
-Se, e podería engadir a ese intento o adxectivo “inútil”.
Esta entrevista publicouse orixinalmente en castelán na sección Letras Galegas da revista Qué leer, nº 189. Ofrezo aquí a versión en lingua galega.
1 Comment
Os comentarios están pechados.