Mañá nomean Arraiano Maior en Gres a Xosé Neira Vilas. Gustaríame asistir a este acto que organizan bos amigos e coa mellor das vontades pero non vai ser posible. Vaia aquí o meu apoio para este xusto acto de recoñecemento a través das impresións que me suscitaron os dous últimos libros que Neira publicou hai escasas datas e refírome a Aquel neno, de Edicións Embora e mais Cancela aberta, que viu a luz en Edicións Xerais, achegas ao meu xuízo relevantes se se consideran dentro da ampla produción de Neira e que, ademais, foron presentadas en actos conxuntos aínda sendo publicadas por selos editoriais diferentes, algo que particularmente moito me agrada.
Aquel neno supón, para min, unha sorte de compendio dunha parte substantiva da obra narrativa do autor de Gres pola que vén circulando desde hai anos. Acaroándose a esa tradición fabulosa de prosa contida, en ocasións case lírica, inaugurada por Castelao nas súas Cousas, e que o propio Neira revitalizou e modelou en libros anteriores como Lar, Nai e Pan, que agrupou no seu día baixo o título de Charamuscas, ese neno innomeado que protagoniza o volume vén simbolizando a totalidade dos nenos que apareceron nas narracións de Neira e, xa que logo, talvez “aquel neno” que foi o autor e que realiza un exercicio espléndido de evocación e descrición. Transmítese así, con claridade e nun rexistro lingüístico gorentoso e vibrante, todo un cadro de vivencias, tamén de soños infantís e de devezos en tantas ocasións incumpridos, que “aquel neno” foi experimentando ata un día concreto no que é de supor xa asoma á mocidade.
Ben certo é que a atmosfera social que ese neno relata xa non é o de arestora, que os tempos mudaron hábitos ou fixeron desaparecer costumes, pero o seu eco aínda chega ata hoxe e, ao meu xuízo, é bo coñecer ou recoñecer estas vivencias pois, asemade, están expostas con tenrura, vivacidade, tensión e moito talento. Recomendo vivamente este volume, sen esquecer o espléndido traballo de Xosé Vizoso no ámbito da ilustración.
Cancela aberta, por outro lado, insírese nesoutro ámbito de traballo, continuado e intenso, que Neira vén desenvolvendo desde hai ben anos e que é o da divulgación de corte ensaístico a través da súa práctica xornalística. A colección íntegra destes traballos, ollados globalmente, supón unha achega fabulosa, ao meu ver escasamente recoñecida, que permite asomarse a unha inxente cantidade de referencias políticas, históricas, culturais e políticas de noso e non só, e facelo ademais gozando dunha prosa fluída e concentrada.
Nesta liña súmase Cancela aberta na que os camiños que transita resultan tan plurais como atractivos pois ao longo destes cen artigos recuperados do efémero, dominados loxicamente pola brevidade mais tamén por unha inequívoca vontade de estilo, son quen de nos conducir por unha ampla variedade de asuntos que van desde aqueles nos que reflexiona sobre a situación particular dos nosos tempos, pasando por lecturas, rememoracións de sucedidos ou persoeiros que tratou ou coñeceu, ata curiosidades que sempre alimentan o espírito e a ansia de saber, partilladas desde as instancias da xenerosidade.
Non hai libro deste xénero entre os publicados por Neira Vilas, e este non é excepción, no que particularmente o cerre sen abrazar a convicción de que un aprendeu algo novo. Beizón por este esforzo e por esta nova entrega.
1 Comment
Os comentarios están pechados.