UN PERCORRIDO POLA BIBLIOGRAFÍA E ALGÚNS TRABALLOS MUSICAIS QUE NOS PERMITEN RECORDAR UNHA ESCRITORA EXCEPCIONAL
O 150º aniversario da publicación dos Cantares gallegos rosalianos trouxo a celebración dun congreso internacional dedicado á autora e organizado polo Consello da Cultura Galega hai uns meses e mais amagnífica exposición que baixo o título de “No principio foi o verso” a Fundación Rosalía de Castro puxo en marcha e que aínda se pode visitar, ata o 15 de setembro, na sede da Fundación Barrié da cidade de Vigo.
Con todo, tamén xerou un conxunto de publicacións de diverso carácter, todas converxentes na necesidade de popularizar o legado rosaliano. Velaquí algunhas das publicacións máis imprescindibles.
Cantares gallegos
Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Xerais, 2013, 472 páxinas.
En edición de Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, esta proposta permite ler ou reler o noso libro fundacional desde os presupostos da máis rigorosa fiabilidade textual, contando asemade co apoio nun abondoso corpo de notas e comentarios explicativos.
O traballo de Angueira como prologuista e editor textual, as pescudas que realiza na atmosfera social do momento, as influencias, a orixinalidade ou a lingua literaria que atesoura son só algúns dos esteos que fan considerar esta edición como referencial.
Cantares gallegos, hoxe
Cantares gallegos, hoxe, María Pilar García Negro, Alvarellos, 2013, 134 páxinas, 13 €
O interese mais o traballo profundo de esculca e interpretación que a profesora García Negro vén realizando arredor da figura e mais da obra de Rosalía non é recente nin circunstancial. Por iso este volume era ben preciso pois, como a autora sinala, persegue o obxectivo de “desmusealizar” tanto a Rosalía como á súa obra. E abofé que o consegue subliñando o carácter transgresor da precursora en moi diferentes ámbitos, o seu feminismo ilustrado e o espírito reivindicativo que sempre abandeirou, debuxando así unha estratexia de desmitificación moi precisa e, ao meu ver, de vizosos resultados.
<<Grial, Revista galega de cultura, nº 194>>
VV.AA., Grial, nº 194, Galaxia, Vigo, 144 páxinas. 12 €
Precedendo ás publicacións que ocupan esta páxina, a revista Grial ocupou boa parte dunha entrega recente, baixo o subtítulo de “Novas olladas sobre Rosalía de Castro, a dar a coñecer un conxunto de ensaios, rexidos pola investigación novidosa e orixinal e da man de Catherine Davies, María López Sández, Kathleen March, María do Cebreiro Rábade, Monserrat Ribao e Dolores Vilavedra. Todas as propostas ensaística partillan a intención de salientar aspectos particulares da estética rosaliana suscitados polas lecturas de mocidade da autora, a recepción ou a difusión da obra poética e mesmo algunhas claves da súa narrativa que axudan a mellor entender a singularidade da súa achega.
Rosalía pequeniña
Rosalía pequeniña, Uxía Senlle (ilustracións de M. Seoane), Galaxia, Vigo, libro + cd, 20 €
Nun formato de álbum ilustrado que inclúe, ao tempo, un cedé con numerosas interpretacións musicais a cargo de Uxía Senlle, converteuse nunha das iniciativas máis atractivas para un público en moitas ocasións desasistido de proxectos musicais-literarios como é o máis novo. A luminosa voz da cantante mosense, que se acompaña de Sérgio Tannus e doutras voces como as de Magín Blanco, Sés ou Guadi Gallego entre outras, queda aquí a disposición de quen guste desta Rosalía cantada para pequenos e non tanto. Espléndidas interpretacións para espléndidos poemas.
Na lingua que eu falo
Na lingua que eu falo, Najla Shami-Rosalía de Castro, Galaxia, Vigo, 2013, libro + cd, 20 €
Conmovedora, novidosa e intensa –alén de saudada por crítica e público como un dos acontecementos musicais e literarios destes últimos meses- foi a publicación deste libro-cd que supón unha íntima homenaxe da cantante galego-palestina Najla Shami a Rosalía.
Acompañada doutras voces nalgúns temas, non só se interpretan composicións con letra orixinal de Rosalía senón que Shami tamén asume con afouteza –e sae moi ben parada- ese reto de incorporar temas propios que xogan, como non, cos ecos dese espírito rosaliano que semella tan seu desde sempre.
Cantares gallegos
Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Versátil-Concello de Vigo, 172 páxinas, Vigo, 2013.
Unha iniciativa, talvez pouco coñecida e destinada a popularizar Cantares gallegos entre a franxa de lectorado máis nova, foi a que levou a cabo Versátil Servizos Editoriais, coa colaboración do Concello de Vigo, ao poñer a disposición do alumnado da cidade, de xeito gratuíto, unha edición special e minimamente adaptada desde o punto de vista lingüístico deste poemario, en edición de Mercedes Pacheco e con ilustracións ad hoc de Ana Costas. A cidade que, desde o prelo de Juan Compañel, viu o primeiro exemplar deste libro quixo sumarse así tamén a estas homenaxes.
Baixo o título de “Rosalía: libros e música” este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 7 de setembro de 2013. Por cuestión de espazo quedou fóra o último libro que arriba referencio. Ao tempo, entre outras achegas, tamén cumpriría co xustiza engadir o moi salientable traballo musical que subscribe Narf en Nas tardes escuras, editado en El Patito Editorial.