Leda m´anda´eu. Erótica medieval galaica, de Olga Novo

Olga Novo

Leda m´anda´eu. Erótica medieval galaica

Toxosoutos, Noia, 2013, 166 páxinas,  13 €

 

      Reiterei aquí, máis dunha vez, que hai libros que por causas endóxenas do noso sistema literario parecen condenados a pasar desapercibidos cando non o  merecerían. Confío que este non sexa o caso do presente Leda m´and´eu. Erótica medieval galega, que chega da man da profesora e poeta Olga Novo,  pois entendo que é un dos ensaios máis brillantes e interesantes que neste curso literario se publicaron entre nós. Malia chegar avalado pola consecución dun galardón asentado no ámbito dos estudos de medievalística galega teño a sensación de que non foi atendido nin difundido como debera, suscitando ata o de agora unha escasa atención mediática e receptiva.

      Leda m´and´eu pretende afondar nun aspecto moi concreto como é a concepción do mundo erótico e as súas realidades ao longo da nosa Idade Media. Un dos seus valores é o de contribuír, así pois, a desvelar algunhas claves destes comportamentos, e as súas valoracións sociais,  mergullándose nos textos líricos da escola trobadoresca galego-portuguesa e aplicando sempre unha perspectiva aberta e interdisciplinar que asume achegas emanadas dos estudos de xénero, de historia da sexualidade, das mentalidades e do propio corpo.

       O percorrido deste libro iníciase cos vestixios existentes deste chamado “relato erótico galaico” desde a Idade de Ferro ata chegar aos comezos da Era cristiá, base precisa para analizar comportamentos que se testemuñan na Hispania romana, na Gallaecia sueva e na Hispania visigótica a través das disposicións conciliares conservadas e doutros textos como o Fuero Juzgo ou as Siete Partidas de Afonso X, que sancionan condutas e deseñan a atmosfera sociosexual daqueles momentos, isto é, “orientan cara á norma e a  contranorma: alí onde Eros busca un lugar que lle é negado, alí onde é condenado”.

      Logo é a través da análise dos códigos eróticos que recollen os nosos textos líricos medievais como se afronta o eixe vertebral do ensaio, abríndose desde o seu comezo a un diálogo con achegas previas sumándolle o exercicio de rastrexo e análise das referencias contidas nos devanditos poemas sen esquecer diversas propostas interpretativas  respecto de determinados enigmas como o que se encerra na expresión “leliadoura” ou os ecos que xerados por ese personaxe feminino do que nada se sabe pero que tan presente está nos textos literarios como é María Balteira, que simboliza, por extensión, a demonización da muller que non encaixaba nos valores patriarcais dominantes. Non menos satisfactoria resulta esa revisión intelixente do amor e do eros presente nas nosas cantigas de amigo e, por suposto, nas cantigas de escarnio e maldizer, reparándose con fortuna nese proceso de transgresión que conduce á carnavalización e á crítica de usos e costumes, en moitas ocasións, sexuais e eróticos.

      Por último, non debo esquecer que o ensaio está excelentemente escrito o que facilita a
lectura, mesmo para as persoas que non adoitan ler ensaio. Recoméndoo vivamente.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 7 de setembro de 2013, baixo o título de “Os códigos do eros medieval”.

 

1 Comment

Os comentarios están pechados.