Nocións de crítica literaria para detectar comunistas

Ben sabido é que dispor de competencia lingüística axeitada, e mellor se tamén se conta con algúns recursos literarios, resulta unha esixencia precisa, entre outras cousas, para exercer a manipulación da linguaxe e para transformar e maquillar a realidade, comezando pola información que dela se quere ofrecer. Por desgraza, hoxe dispomos dun amplo reportorio destas prácticas onde escoller.

      Nun sentido contrario ao anterior, isto é, o de evidenciar e difundir contidos que atentan contra a liberdade ideolóxica tamén hai exemplos de abondo, como se pode rastrexar nun apuntamento que Open Culture ofreceu na súa sempre interesante web hai algunhas datas. Nela reprodúcese un  vídeo publicitario da época final do macarthismo, realizado polas Forzas Armadas norteamericanas e emitido en todas as televisións do país, co obxectivo de que a sociedade daquel momento se decatase da perigosidade que supuña a proximidade dos comunistas no seu entorno máis inmediato e que reproduzo abaixo.

       Ao tempo, resulta moi significativa a información que os servizos de intelixencia facían pública en forma de panfletos de cara a que os cidadáns e as cidadás detectasen, e denunciasen, as persoas de ideoloxía comunista que coñecesen a través da análise das expresións que empregaban aquelas persoas sospeitosas nos seus discursos cotiáns. Velaquí unha proba destas nocións de crítica literaria para detectar comunistas que se esixían á poboación media, seguindo a premisa de que un comunista non podía ser descuberto por como andaba, mais si por como falaba…, un paso máis naquela terrible caza de bruxas, especialmente adversa para artistas, funcionariado, profesorado e sindicalistas. Velaquí un fragmento -traducido- dun destes panfletos oficialistas:

 Mesmo unha lectura superficial dun artigo escrito por un comunista ou unha conversa con un deles probablemente revele o uso dalgunhas das seguintes expresións: pensamento integrador, vangarda, camarada,  chauvinismo, queima de libros,  fe sincrética , burgués, (…) colonialismo,  vandalismo,  clase dominante, progresista, demagoxia, dialéctica, caza de bruxas, reaccionario,  explotación,  opresión, materialista.

A lista, seleccionada ao azar, podería aumentarse indefinidamente. Malia que todas estas expresións amentadas forman parte do idioma inglés, a súa utilización por comunistas é infinitamente máis frecuente do uso que fai deles a xente en xeral …