Manuscrito: Lorena Souto

Alégrame hoxe presentar nesta sección un manuscrito de Lorena Souto, poeta que admiro e que sigo con especial atención desde que chegou ás miñas mans o seu magnífico poemario Fase de trema.  Regálanos para esta bitácora un texto inédito que moito agradezo e que pertence a  unha serie máis longa aínda sen título.

      Lorena Souto confesa que “son máis de empregar o ordenador. Permite unha axilidade a hora de escribir, reescribir, borrar, reestruturar… que me dá case a sensación de traslado inmediato do pensamento á folla”. Cuestionada arredor da escrita caligráfica sinala que “non son demasiado sentimental con escribir a man ou cos cadernos. Aínda así, sempre teño algún caderno pequeniño e de folla branca (non me gusta moito a cuadrícula) que levo para apuntar cousas fóra da casa e que serve un pouco para todo, tanto para ideas de textos e comezos de poemas como para listas da compra, enderezos… Pero pasado ese momento circunstancial, a idea ou o anaco de texto volve ao ordenador”.

      Beizón a Lorena Souto pola súa colaboración (fotografía superior da autora ©Saúl Rivas).

(para/co meu irmao)

Aquí     os deseños sobre o corpo e os xestos

absorben unha dureza similar á das marcas na  pedra

un golpe lento e rotundo desgarrando

en épocas xeolóxicas completas

o que semellaba ser tan compacto          proxectándose en nós

Liñas que cosen acantilados

A mostra de movementos bruscos

ocultada

baixo o peso do manto oceánico

Observo [en ti e en min] os trazados que nos arrastraron até aquí

-anticipándome, sorprendendo o momento exacto dun xiro

en retrospectiva, preguntándome se ti tamén asistes coa mesma incomodidade-

E presenciamos con asombro

como desaparecen animais fermosos

empuxados con violencia         da potencialidade ao mito

como muda o terreo baixo os pés e nos cambia a voz

Poida que perderamos até a memoria

nos tránsitos

quédannos as cicatrices dos ritos de paso

un trofeo

ou o costurón que rebela a ferida

 …

 Recordas?

Eu volvo unha e outra vez sobre os nosos pasos

1 Comment

Os comentarios están pechados.