Souben este mes de agosto da publicación do artigo “Un’introduzione a Celso Emilio Ferreiro (con sei poesie da Longa noite de pedra)” a cargo do profesor Giovanni Borriero (na foto da dereita), a través da Gemma Álvarez Maneiro, eficaz e rigorosa investigadora, e arestora lectora de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Padua, onde se leva a cabo un labor que entendo como fundamental e necesario na difusión da nosa lingua e da nosa literatura a través do Centro de Estudos Galegos desa universidade.
O artigo de Borriero, publicado na revista Orillas. Revisti d´ Ispanistica e que se pode consultar premendo aquí, paréceme unha das achegas máis rigorosas e interesantes que se fixeron arredor de Celso Emilio Ferreiro desde o exterior. Ademais de permitir a lectura dalgúns poemas de Celso Emilio en italiano o artigo resulta moi interesante desde o punto de vista das consideracións ecdóticas, analíticas e valorativas da obra do poeta de Celanova. Por estas razóns recomendo a súa lectura, tamén porque Gemma Álvarez e Giovanni Borriero son, hoxe por hoxe, extraordinarios embaixadores da nosa cultura en Italia e así, ao meu xuízo, cómpre recoñecelo.