Endogamia 0.2
Xerais, Vigo, 112 páxinas, 11,60 €
Todos somos
Xerais, Vigo, 160 páxinas, 11,60 €
RAMÓN CARIDE E MARCOS CALVEIRO DEMOSTRAN NOS SEUS ÚLTIMOS LIBROS O ESPAZO PREFERENTE QUE OCUPAN NA NARRATIVA XUVENIL GALEGA
Cadran no tempo dous libros que, catalogados nunha colección de literatura xuvenil como é “Fóra de Xogo” de Edicións Xerais, articulan propostas de indiscutible atractivo para calquera tipo de lectorado. Libros, os de Calveiro e Caride, irmandados polo compromiso de ofrecer atractivas historias que fan reflexionar e que provocan o desacougo.
No ronsel de anteriores libros de Ramón Caride, sobre todo do seu recente Exogamia 0.3, o autor de Cea ofrece tres relatos longos, pequenas novelas se se quere, gobernadas por unha intención común como é a de recrear literariamente asuntos que abordan, dalgún xeito, cuestións cruciais para o noso tempo. Velaí, en primeiro lugar, una ollada crítica á violencia exercida sobre as mulleres desde unha perspectiva concreta: a hipocrisía social que a xulga como algo diferente segundo agrome en atmosferas culturais distantes ou se dea en contextos próximos a nós. Abórdanse, no seguinte relato, os problemas derivados do emprego da enerxía nuclear como son as fugas radioactivas e os intereses económicos e políticos que a explotación desta enerxía agocha, para concluír non derradeiro relato cunha visión, igualmente crítica, arredor da doenza do Alzhéimer e a realidade dos investimentos nos proxectos de investigación médico-farmacéuticos.
Caride transita con naturalidade polos camiños da claridade e da transparencia nestes tres relatos, descorre veos e aplica doses de ironía cando cómpre. Abre sempre as portas á reflexión, o que non é pouco.
TODOS SOMOS
Chega este último libro de Marcos Calveiro tras a recente inclusión da súa última proposta, Palabras de auga, premio Merlín 2012 de literatura infantil, nas Listas de Honra do IBBY: un colectivo internacional de asociacións e persoas unidas polo fomento da lectura entre a mocidade e a infancia. Esa escolla confirma, quen o dubida, o excelente momento creativo do autor e a envexable saúde da nosa literatura xuvenil.
Todos somos, nesta ocasión, ao internarse tematicamente na desaparición dunha adolescente nunha cidade galega, doadamente recoñecible como Vigo, parece virar cara ás estremas do relato policial, e elementos hai que parecen asociala ao xénero como a sólida aparición dunha investigadora chamada Lina Souto (todo un achado que ben podería dar máis de si en futuras entregas), pero aos poucos a tonalidade da novela vai mudando para afondar, por un lado, no tratamento informativo que algúns medios de comunicación adoitan realizar de sucesos deste calibre e, por outro, para esculcar no concepto de culpabilidade e nas reaccións sociais –tantas veces tinxidas de xenreira e violencia- que tantas veces se van convertendo nunha bóla de neve, sen esquecer a complicidade que se pode xerar entre persoas ben distintas en situacións límite.
Como é común na narrativa de Calveiro, a voz narrativa sitúanos nun contexto, expón os feitos, dálle vida aos personaxes e as conclusións tíraas quen se achegue ao seu libro… E todas son, ao meu ver, ben propicias para vermos como é o noso tempo.
Esta dobre recensión publicouse o 14 de setembro de 2013 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Páxinas para provocar o desacougo”.
Nota: Caderno da crítica non actualizará os seus contidos durante uns días. Grazas.