«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 64 (setembro-outubro 2013)

1. Pasa o verán e chega o outono. Con el tamén se anuncian un feixe de novidades que encherán de lecturas este tempo. Entre elas apúntanse as edicións dos premios máis salientables do sistema literario galego como son o Xerais e o Merlín, o Blanco-Amor, o Raíña Lupa e mais o García-Barros entre outros. De certo que a variedade de estilos e temáticas destas propostas galardoadas han resultar de interese para un lectorado precisado de novas e esixentes narracións.

2. Faleceu a finais de agosto Seamus Heaney. Particularmente descubrín o poeta a través daquel magnífico  Traballo de campo da colección Ablativo Absoluto en tradución de Vicente Araguas. Desde aquela quedei fascinado pola forza poética deste autor. Recomendo volver a este libro ou á tradución d´A cura en Troia, a versión teatral que o autor irlandés realizou de Filoctetes de Sófocles. Non defraudan.

3. Lin este verán Leda mand´eu. Erótica medieval galega, de Olga Novo que xa fora galardoado co premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal. Pareceume un ensaio revelador, extraordinariamente documentado e que abre perspectivas de análise novidosas. Ao meu xuízo, xunto con Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, constitúe parte das mellores páxinas ensaísticas ás que tiven acceso nos últimos meses.

4.  Os afeccionados á novela negra tamén agardan, nesta nova tempada, Matar lentamente, de Diego Ameixeiras. Ao meu xuízo, xunto con Miguel Anxo Fernández, un dos nosos mellores e máis constantes narradores dentro do xénero.

5.  A inclusión de Palabras de auga, de Marcos Calveiro, na lista de honra do IBBY confirma de seu o magnífico momento da literatura infantil e xuvenil en galego. Penso que os recoñecementos sempre son precisos e, neste ámbito, son xa moitos nos últimos anos.

6. Tras Vidal Bolaño ocupará a atención do Día das Letras o poeta de Guitiriz Xosé Díaz Castro. Eu alégrome desta escolla pois o autor de Nimbos constitúe unha voz referencial e de calidade para a poesía galega do século XX. Un agarda informadas eséxeses e monografías sobre o autor e a exhumación de material inédito. De certo que han chegar neste vindeiro 2014.