A evolución de Calpurnia Tate (tradución de Carlos Acevedo)
Faktoría K de Libros, Vigo, 2013, 304 páxinas, 18 €
Hai historias con engado e A evolución de Calpurnia Tate é, ao meu ver, unha delas. O mesmo engado ou feitizo que, ás veces, gozan escasos autores aos que semella que a literatura, ou máis ben a creación literaria, lles cambia a vida. Tal parece o caso da autora desta novela, Jacqueline Kelly (1964) que, desde as paraxes de Nova Zelanda onde naceu, pasou a vivir a súa nenez en Canadá onde seica os bosques de Vancouver Island, alén de seren o escenario para os seus xogos infantís, deixaron nela un pouso de respecto ao medio natural que se espella na que é, polo de agora, a súa primeira e exitosa novela, publicada orixinalmente hai catro anos e traducida ao galego por Carlos Acevedo para Faktoría K, editora que, con bo olfacto, posibilita que poidamos achegarnos a este texto na nosa lingua. O afortunado percorrido da novela, que agrandaría a súa celebridade tras acadar algúns galardóns como o Newbery Honor e o Bank Street-Josette Frank Award, conduciría á autora a abandonar o exercicio da medicina e mais da avogacía para se dedicar enteiramente á literatura.
Mais cales son as claves d´A evolución de Calpurnia Tate para se converter no que algunha persoa con criterio de autoridade, como o escritor Agustín Fernández Paz, denominou como “unha das mellores obras de LIX que lin nos últimos anos”? As respostas son variadas pero, alén dos valores inherentes a un texto ben escrito, interésanme as que camiñan á acaída fusión dunha historia de aparente cerna histórica con elementos que proxectan a súa actualidade aos nosos días e facelo, asemade, suxerindo múltiples niveis de lectura. O argumento transita polas vivencias simbolizadas nunha nena que vive no Texas de fins do século XIX, interesada vivamente polos descubrimentos científicos de Charles Darwin, insinuados da man dun avó librepensador que, nun día concreto, lle agasalla un exemplar d´A orixe das especies, libro que resultará definitivo na afirmación das súas afeccións e, por extensión, da súa propia vida, como tamén o será un caderno en branco para que se inicie nos ámbitos do naturalismo, onde espellará esa evolución, xa non só da persoa que se cifra no título senón tamén de toda unha época.
Talvez nesa intersección entre a forte e rebelde personalidade dunha nena que pola súa idade se abre a un novo período vital e o sistema de valores impostos que ela rexeita, porque ten curiosidade pola súa contorna e pola propia vida, sexa onde agroma o deseño de situacións máis ou menos cotiás como son as relacións familiares, o amor, a paixón pola lectura da protagonista ou os dotes de observación e esa capacidade tan conmovedora da protagonista para sorprenderse…, fíos que irán alimentando o argumento dunha novela na que Calpurnia deberá loitar, con intelixencia, para abrazar a fe no progreso nun tempo no que xa había un mundo de razóns que convidaban a facelo.
Kelly conseguiu con este libro, ao meu entender, unha proposta literaria redonda, transparente e, sensible; en tantas ocasións emocionante, lúcida, crítica e divertida. Recomendo a súa lectura.
Esta recensión, baixo o título de “Novela sen fronteiras”, publicouse o 5 de outubro de 2013 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia.