Historia de Galicia
Xerais, Vigo, 304 páxinas, 22 €
Xosé R. Pena
Historia da Literatura Galega I.
Xerais, Vigo, 440 páxinas, 25 €
É sempre necesario, talvez hoxe máis que nunca, asomarse con pertinencia a aquilo que o pasado nos deixou, tanto no que se refire á dimensión propiamente histórica como a aquela que atinxe ao mundo literario de noso. Nas últimas semanas publicáronse dous volumes que transitan estes camiños, coa solvencia e o rigor que obras deste tipo demandan.
A divulgación da nosa historia, sobre todo no que se refire ao seu espallamento entre discentes, presenta aínda hoxe lagoas e eivas que cómpre solventar con enormes doses de vontade e ilusión particulares pois as esixencias curriculares da materia secundarizan o seu coñecemento e aprendizaxe. A afirmación, créanme, non é gratuíta nin banal, senón experimentada en carne propia. Cuestións de carácter sinxelo, que configuran e alicerzan os trazos da nosa propia identidade, resultan ignoradas ou minusvaloradas cando son elementos relevantes que configuran quen somos… Velaí asuntos como os que se achegan ao perfil da cultura dos petróglifos na nosa Idade de Bronce, as claves da denominada cultura castrexa, os trazos particulares que deseñan o período da Gallaecia romana, a importancia do reino galego dos suevos, o grao da conflitividade social de Galicia ao longo da historia, o provincialismo ou aquilo máis relevante que aconteceu na época contemporánea…, en moitas ocasións resultan descoñecidos. A estas cuestións ben se poderían engadir outras que apuntan aos perfís de personaxes fundamentais na nosa historia como Prisciliano, Martiño de Dumio, Xelmírez e tantos outros…
Para informar arredor destes, e doutros moitos asuntos, aparece esta Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira que, cunha inherente tonalidade divulgativa e didáctica e adoptando unha perspectiva endóxena, reconstrúe e sintetiza con acerto aqueles acontecementos e fases do noso pasado que singularizaron a Galicia desde os seus comezos até hoxe en día. Un libro que posibilita, sen dúbida, coñercernos mellor a nós mesmos.
HISTORIA DA LITERATURA GALEGA I.
Cando menos sorprendente resulta esta achega do profesor Xosé R. Pena; sorprendente, talvez, polas dimensións dun proxecto magno levado a cabo individualmente e do que o presente volume, centrado na literatura galega desde as orixes até 1853, simboliza a primeira achega doutras tres que están por vir.
Entra, así pois, o escritor betanceiro nesa escasa nómina, conformada por diversos especialistas literarios, que dan un paso adiante e se propoñen categorizar, herborizar e analizar a totalidade do noso pasado literario. No caso de quen nos ocupa o seu currículo investigador permítelle, sen dúbida, asomarse con especial pertinencia, xustamente, no período que aquí se estuda, ao ser xa longa a serie de traballos que desde os anos noventa veu dando a coñecer arredor da literatura galega medieval e os denominados “séculos escuros”, época que ademais ocupa o groso desta mesma entrega, estendéndose ata os comezos do Rexurdimento coa publicación d´A gaita gallega de Xoán Manuel Pintos.
Entendo esta achega como igualmente fundamental para a propia historia dos estudos literarios galegos: páxinas que analizan, divulgan e actualizan unha parte substancial do noso patrimonio literario desde o paradigma do diálogo con achegas previas xunto coa proposta de novas interpretacións, expostas sempre co rigor preciso e nas que paira unha inequívoca invitación á lectura.
Esta recensión, baixo o título de “Historia e Literatura de onte” publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 21 de setembro de 2013.