Cambia de papel: o documental

Tiven a sorte onte de asistir á proxección do documental Cambia de papel que se celebrou no auditorio do Concello de Vigo, e que contou coa presenza da doutora  N. Manimekalai da Bharatidasan University (Tiruchy) e de María Reimóndez, unha das directoras do documental xunto con Luís Tosar e Kutti Revatti, ofrecendo así a oportunidade de manter un  coloquio posterior.

    O visionado do documental, cun fio condutor alicerzado en función dunhas cartas que as diversas protagonistas dan lectura -entre elas a da propia Manimekalai- e que se poden tamén ler nunha edición exenta en papel baixo o título homónimo de Cambia de papel (Edicións Positivas),  deitan unha ollada de conxunto moi valiosa sobre o traballo que as propias mulleres, e loxicamente Implicadas no Desenvolvemento, levan a cabo en Támil Nadu.

     Ao meu xuízo, o visionado deste documental ilumina, informa e promove a reflexión sobre asuntos como o infanticidio na India e sobre como, desde unha perspectiva de xénero, se pode avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Recomendo por esta e outras razóns aproveitar as oportunidades para asistir á súa proxección, ao que sei proximamente en Oleiros e Ourense. De certo que será unha hora moi ben aproveitada e moi rendible. Polo de agora, coas imaxes frescas na retina, eu vou xa ler esas cartas con máis vagar: testemuños de vida, superación e esperanza. Moitos parabéns pola iniciativa.