O día de onte tróuxome unha alegría que moito agradezo: Pilar Ponte, unha excelente docente que vive o ensino con paixón e intelixencia e que ademais é unha moi atenta lectora, achegouse ao libro Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida e redactou un texto publicado nas páxinas do “Faro da Cultura”. Palabras que moito estimo e nas que advirto un exercicio analítico dominado por un envexable afán sintético e que zumega xenerosidade e agarimo. A recensión pódese ler na súa integridade premendo aquí, que conduce ao seu blog “A profa”; unha bitácora que, por outro lado, recomendo visitar.
Permítome extraer soamente dous parágrafos da súa recensión e, por suposto, moitas grazas pola lectura!
Con Manuel Lueiro Rey (1916-1990) A liberdade ferida realízase un acto de xustiza cun autor do exilio interior, ese exilio moito tempo infravalorado no seu labor de sostén da vida cultural galega durante o período da ditadura franquista.
Atopamos aquí (…) un círculo dos afectos ao redor do autor de Fornelos de Montes. É por iso que non cabe falar dun ensaio ao uso, xa que se abandona aquí o estudo distante para sentir que “as lembranzas son difíciles”, como recoñece o fillo do autor, e entramos nese roce pel con pel.