Álvarez Torneiro: poeta de non tan escasa obra e de precisa difusión
A súa incorporación ao discurso poético galego resultou, inexcusablemente, serodia de termos en conta a idade na que publica o seu primeiro libro de forma independente: Memoria dun silencio (1982). Adscrito á chamada “Xeración das Festas Minervais” e tras dúas esporádicas incursións na poesía de expresión castelá nos anos oitenta –Desnudo en el barro e Cenizas en el salmo– a súa obra camiñou logo por vieiros monolingües e, ata a actualidade, xa non resulta escasa en achegas como talvez puidese semellar tanto pola discreción do autor como pola pouco convencional distribución comercial de moitos dos seus libros.
Alén dos cinco volumes que aquí se reseñan brevemente, xunto co primeiro amentado, esta constitúe unha escolla parcial e subxectiva da súa produción, completándose esta con sete títulos máis e unha escolma: Fértil corpo de soño (1986), Restauración dos días (1986), Rigorosamente humano (1996), Luz de facer memoria (1999), Campo segado (2001), Os reinos do fulgor. Antoloxía esencial (1982-2002), (2002), Setembro Stradivarius (2004) e Parábola do incrédulo (2006).
A concesión do Premio Nacional de Poesía ao seu último libro esixiría, ao meu ver, unha posta ao día da súa obra, cando menos unha antoloxía actualizada e dispor a tradución da súa obra a outras linguas, continuando o ronsel da tradución dun feixe de poemas realizada en 1995 na revista Contemporánea, da AELG, onde o profesor Carlos L. Bernárdez antologou media ducia de textos, traducidos nesta publicación ao inglés, francés e castelán. Tempo despois verían a luz algún poemas escollidos ao francés, en tradución de Emma Lázare (1999) e ao inglés da man de Jack Hill (2000). A iniciativa espertaría a atención fóra, estou certo, polo resto da súa obra e pola lírica galega en xeral.
Memoria dun silencio, Ediciós do Castro, 1982.
Esta opera prima do poeta resultou seleccionada para o Premio Nacional de Literatura en 1984, galardón que conseguiría case trinta anos despois. O libro revela unha voz singular, debedora –como trazo común do resto da súa obra- da inspiración colleitada nos territorios da memoria, que aquí conxuga coa asunción de certo humanismo existencial e da crítica social como elementos que articulan os eixes do poemario.
As voces consagradas, Deputación da Coruña, 1992.
Galardoado cun accésit do Premio de Poesía Miguel González Garcés no mesmo ano que se editou e publicado con ilustracións de Siro, resulta para min un dos grandes poemarios do autor que encerra versos coma estes:
“E ti: poesía na solaina e na cripta;
poesía de andar pola casa do mundo: rareza,
palabra colectiva, bandeira do minuto aturdido do ser,
morfina, violeta das calmas aterradas (…)”.
As doazóns do incendio, Sotelo Blanco, 1993.
Como “espléndida poesía” cualificou Anxo Angueira a que neste libro se encerra. Prologado por Basilio Losada, quen subliña a renuncia consciente que fai o autor do que denomina “esteticismo baleiro”, é talvez un dos seus libros cruciais. Sexa como for, o libro incorpora poemas conmovedores, que falan do amor, da morte, da memoria e do paso do tempo, espléndidos talvez pola consciente procura da sinxeleza e a sinceridade desde a que se constrúen.
Habitante único, Espiral Maior, 1997.
Asúmese aquí o preciso retorno á poesía civil deitando unha ollada crítica á posguerra, inserida nese vector existencialista do autor, e harmonizándoa coa denuncia dos males dun tempo, concretados na devastación de elementos da natureza e do noso país.
Concepción Delgado, especialista da súa obra, afirmou que neste libro se conxuga con tino que nel se dá “o valor da palabra e da arte coa esixencia da autenticidade”. Abofé que así é.
Epicentro, Deputación de Pontevedra, 2003.
De novo este título resultou finalista do Premio Nacional de Poesía e quen se asome a estas páxinas non lle ha estrañar. De articulación tripartita –“Home pola palabra”, “As raíces insomnes” e “Último renacemento”- o poemario volve tripar, afortunadamente, os lugares comúns da súa escrita: memoria materializada con elegancia nos espazos e vivencias íntimas, nas lecturas, na música transformada agora en palabras.
Os ángulos da brasa, Faktoría K de Libros, 2012.
Lectura obrigatoria para quen guste da poesía, alén de galardóns recibidos, que permitirá descubrir ou redescubrir un poeta e unha obra que non se pode deixar fuxir.
Nunha célebre antoloxía consultada que o profesor Arturo Casas publicou en 2003 Torneiro deixou dito: “Creo firmemente no poder da palabra, na emoción de nomear e de recrear, na música de fondo envolvente máis afinada e depuradora”. Esa fe translócese en cada poema deste libro.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 19 de outubro de 2013 baixo o título de “Escolla básica de Álvarez Torneiro”.
Non sabes canto que útil me vai resultar este achegamento!
Parabéns.