Con barqueira e remador e Babelia en galego, Yolanda Castaño (coordinadora e tradutora)

Yolanda Castaño

Con barqueira e remador

Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 160 páxinas, 8 €, 2013.

 

 

 

Yolanda Castaño

Babelia en galego

Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 192 páxinas, 8 €, 2012.

 

 

 

Conclúe hoxe a segunda edición do obradoiro “Con barqueira e remador” que congregou un grupo de poetas na Illa de Simón que debateron e traballaron arredor da tradución poética baixo a organización de Yolanda Castaño e que contou co apoio de diversas entidades. Xustamente nestas datas aparece o volume que recolle parte do traballo desenvolto na primeira edición da iniciativa e, ao mesmo tempo, repárase igualmente noutra proposta da mesma autora baixo semellantes intencións.

 

<<CON BARQUEIRA E REMADOR>>

 Con certeza este volume supón algo máis que a simple recolla das conclusións do I Obradoiro Internacional de Tradución Poética celebrado hai agora un ano na illa de San Simón. A publicación, cun afortunado título que evoca o lugar máis acaído posible uns versoso claves cos que se universalizou a nosa tradición literaria, significa tamén, como a editora do libro subliña, “o trasvase entre linguas, coma quen cruza dunha beira a outra as súas palabras en dornas de emoción”. Velaquí, así pois, textos poéticos de linguas diversas que nesa ocasión viñeron da man de Marko Pogačar (croata), Txema Martínez (catalán), Margrét Lóa Jónsdóttir (islandés), Brane Mozetič (esloveno), Sergei Timofejev (letón de expresión rusa) e Merja Virolainen (finés).

        A achega nucléase, asemade, baixo diversos propósitos que, ao meu ver, supoñen unha estratexia vizosa como son impulsar o exercicio de promoción exterior da lingua e literatura galegas e o ricaz intercambio cultural de autores convidados coa nosa realidade. Todo realizado a través da actividade de poetas considerados de referencia nos seus espazos líricos particulares que polo xeral, agás o caso ruso, se insiren en linguas europeas de limitada difusión e número de falantes, pero donos dunha puxante proxección. Todos e todas contaban con experiencia nos eidos da tradución literaria polo que o resultado do seu traballo, traducido as máis das ocacións desde o inglés que operou como lingua franca  e logo ao galego por Yolanda Castaño, constitúe un pequeno tesouro que permite gorentar unhas voces, nunha edición multilingüe, de difícil acceso mesmo en linguas próximas. Convido, pois, a ler este amplo abano de textos, heteroxéneos e moi diversos entre si que son demostración palmaria da importancia que posúe a tradución para acceder a outros mundos, nesta ocasión, de inspiración lírica.

<<BABELIA EN GALEGO>>

 Ao fío da publicación anterior non quixera obviar unha breve referencia a un volume colectivo coordinado por Yolanda Castaño, que viu a luz hai uns meses e que recolle unha experiencia semellante á anterior celebrada, nesta ocasión, nun obradoiro que se acolleu en Eslovenia no ano 2010.

        Concéntranse aquí un conxunto de autores  –Antoine Cassar, Yasuhiro Yotsumoto, Mamta Sagar, Veronika Dintinjana, Stanislav Lvovsky e Xi Chuan- que representan diversas tradicións literarias -de chinesa á xaponesa, da rusa á eslovena, da maltesa á canaresa, unha das linguas falada na India-,  vertidos con tino, rigor e coidado á lingua galega, nunha edición que  incorpora asemade os textos orixinais, alén de reproducirse un feixe de poemas propios en galego da coordinadora do volume. Bo é saber da súa existencia para ampliar horizontes literarios.

 

 

Esta recensión, baixo o título de “A porta a outros mundos líricos” publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 19 de outubro de 2013.