Noite~Día, de Alfonso Láuzara Martínez

Alfonso Láuzara Martínez

Noite~Día

A Porta Verde do Sétimo Andar, Nova Galicia Edicións, Vigo, 61 páxinas, 8 €

 

 

Sorprende a madurez,  aínda que particularmente a min non tanto, deste primeiro libro do poeta vigués Alfonso Láuzara, que xa pasara por esta bitácora cunha mostra dun poema manuscrito que tivo a xentileza de compartir e que, xustamente, se inclúe neste volumen que agora me ocupa. Apuntaba que talvez a sorpresa non fora tanta pois,  malia ser o seu primeiro poemario individual, Láuzara leva transitando polos  camiños da creación poética desde hai ben de anos como testemuñan tanto a participación en libros de autoría colectiva como as súas actividades desenvoltas no seo do grupo poético A Porta Verde do Sétimo Andar ao que pertence.

      Iso é o que explica que, este Noite~Día  poida entenderse o inevitable paso adiante dun autor que leva canda si un evidente fardel de lecturas cultivadas durante moitos anos, alén de moitos borradores revisados, traballados e puídos unha e outra vez até que o resultado tiña que ser este: un diálogo co mellor da tradición da poesía erótica -Rosa Enríquez subliña con acerto nas páxinas limiares o pouso da estética de Baudelaire-, dándolle forma a un percorrido que se substancia nos ecos do erótico, do amor e o gozo sexual situándoo con trazos propios e convicción nunha liña transitada, nos últimos tempos, por Verónica Martínez, Claudio Rodríguez Fez, Olga Novo, Yolanda Castaño, Elvira Riveiro ou Enma Couceiro entre outras moitas voces, onde non é menor a intensidade do diálogo interartístico coas ilustracións que se incorporan no volumen e que veñen da man da artista portuguesa Elisabete Pires Monteiro ‘Bebeth’.

     Láuzara ofrece, así pois, trinta composicións que, globalmente, nos proxectan nun universo pragado de referencias de corte sensual e suxestivo no que cobran outra dimensión territorios e espazos quer domésticos quer xeográficos, obxectos, experiencias, acenos, olladas, vivencias do cotián mesmo, transfigurándose en cada verso e operando como posibilidades abertas que constrúen un discurso literario intenso, ardente,  convicente e modulado coa vontade explícita de artellar un “xogo dos sentidos” en expresión afortunada da súa prologuista. Deséxolle boa andaina a este libro, boa andaina tamén para Alfonso Láuzara pois, ao meu ver,  non podía comezar mellor.