Antonio Fernández. Pintor de tres mundos

Natalia Jorge (coord.) / Carlos L. Bernárdez (textos)

Antonio Fernández. Pintor de tres mundos

Concello de Tomiño,  A Garda, 36 páxinas, 2013.

 

 

É ben probable que a figura do pintor Antonio Fernández constitúa unha referencia que tan só aos avezados na historia da pintura galega ou os vecinos de Goián,  lles puidese resultar familiar.

      Para rescatar do esquezo o seu traballo pictórico e pór ao día a súa achega artística xurdiron varias iniciativas da man do Concello de Tomiño entre as que salienta a exposición pictórica da que o presente catálogo expositivo que hoxe chega a esta bitácora é unha mostra. Coordinado por Natalia Jorge, alén dun “saúda” a cargo de Sandra González, alcaldesa de Tomiño,  e de incorporar un percorrido fotográfico pola biografía do pintor, reprodúcense boa parte dos cadros expostos en Goián acompañados dun pequeno ensaio sobre o pintor subscrito polo historiador de arte e profesor Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición que aínda puido visitarse até a fin de semana pasada en Goián nun extraordinario espazo rehabilitado para tal fin.

        O devandito ensaio articula un estudo pormenorizado e rigoroso que subliña a relevancia da obra de Fernández tanto á luz da estadía neses tres mundos que Antonio Fernández coñeceu ao longo da súa vida -Brasil, a vila italiana Antícoli e Goián, onde naceu e faleceu- como no que atinxe aos movementos artísticos nos que se encadrou. Cada un deses espazos determinaron, en boa medida, a evolución dunha práctica artística agora rescatada con éxito. Beizón pola iniciativa.