O pequeno mago, de Roque Cameselle

Roque Cameselle / Xevi Benítez (ilustracións)

O pequeno mago

Xerais, Vigo, 56 páxinas, 12 €, 2013.

 

Resultou toda unha sorpresa ler O pequeno mago: unha proposta narrativa para o lectorado máis novo  que chega da man do escritor e guionista tudense Roque Cameselle. Un proxecto vinculado, nesta ocasión,  cunha empresa de grande envergadura como é a película homónima que seica chegará proximamente ás pantallas de cine tal e como se informa nesta completa web.

     Particularmente,  descoñecía a existencia do  proxecto cinematográfico que, sen dúbida, supón unha excelente noticia que se vexa apoiado por esta publicación, mais a lectura deste libro lembroume, loxicamente, a novela Bieito Dubidoso do mesmo autor: un texto publicado hai agora dez anos e que, no seu día, me parecera un texto solvente e suxestivo e, ademais, fecundo tal e como testemuña esta proposta que bebe, ou adapta, unha  parte inicial do  argumento daquela.

     O autor opera, así pois, cun criterio que converte este libro en algo máis que unha simple adaptación da novela. Segue presente, afortunadamente, a auréola máxica que caracterizaba aquela narración e tampouco se perdeu o alicerce histórico desde o que se cadra se concibira. O pequeno mago, daquela, articula un percorrido efectivo -onde é fundamental o traballo do ilustrador Xevi Benítez– que posibilita achegarse a parte do mundo medieval galego e ir desvelando así aspectos que constrúen o presente, desde o seu arraizamento no pasado: facelo con solvencia e atractivo para os primeiros lectores e lectoras non é algo  doado polo que é de regra estender os parabéns pola publicación á espera, claro é, da estrea comercial da película.