A historia dos bonobos con lentes (tradución de G. Tolentino)
Kalandraka, Pontevedra, 2013, 40 páxinas, 15 €.
Confeso a miña devoción polos libros dese tándem que simboliza Adela Turín e mais Nella Bosnia pois teño para min que os seus proxectos literarios e artísticos, guiados pola filosofía a prol da igualdade e a coeducación que transmiten, son dos que, inexcusablemente, fan moita falta e talvez cada día máis.
Na liña de Rosa, Caramelo e de Artur e Clementina aparece agora A historia dos bonobos con lentes editado por Kalandraka, libro que lin xa hai algún tempo e que unha noticia científica sobre a análise da xestión dos sentimentos que fan os bonobos fixo que refrescase a memoria e me decidira a escribir unhas liñas para visibilizar entre nós este álbum ilustrado.
Oe volume, que transita ese camiño adoptado desde outras entregas que non se desvincula nunca nin da axilidade nin da frescura narrativas, tamén conflúe na mensaxe de fondo de alertar contra a discriminación sexual e sobre a existencia de estereotipos sexuais, centrándose nesta ocasión nunha historia particular como é a existencia dunha sociedade onde o acceso á modernización e ao tempo de lecer só está na man dun sexo e o coidado da prole e a preocupación pola consecución do alimento nos doutro até que, como a célebre Rosa Parks cando en 1955 non se quixo erguer do seu asento no autobús, un xesto, unha valente decisión fará que a igualdade non sexa unha quimera. Imprescindible, abofé, para ir tirando as lentes dos bonobos.