Cadeas, de Xabier López López

Cadeas

Xabier López López

Xerais, Vigo, 2013, 408 páxinas, 20 €

 

Hai dúas semanas comentábase aquí a novela 1989 que Xabier López publicara había pouco tempo. Nesta ocasión cómpre centrarse no título Cadeas, merecedor do premio Xerais 2013 fallado na illa de San Simón a comezos do  pasado verán.

      Teño para min que este volume supón un paso adiante, sen dúbida arriscado e afouto, na concepción narrativa que Xabier López defendía en intervencións anteriores e, ao meu ver, perfila unha inexcusable vinculación co seu anterior título, Os libros prestados, unha das propostas que até o de agora máis me gustara do autor. En Cadeas atópase un ente ficcional que é, precisamente, un escritor e que pon as cartas arriba no que se refire aos parámetros do xogo ficcional que propón: “A que se parece a vida? É unha novela? É unha suma de relatos? Acaso unha novela que é suma de relatos? Ben mirado, creo eu, a vida non deixa de ser algo parecido a todo isto que estamos contando. Unha concatenación de historias ás que inevitablemente queremos buscarlles un todo, unha plenitude porque en verdade, e por moi  ostmodernos que nos consideremos, sentimos auténtico pánico do fragmentario e das estruturas incompletas”. Literatura e vida, así pois, de mans dadas e, en efecto, esta perspectiva é que formula unha proposta narrativa esixente e heteroxéna, en primeira instancia co plano compositivo e construtivo e, en segundo lugar, co propio lector ou lectora.

         Velaí como, agás unha liña secuencial  que se mantén avanzando en case vinte entregas baixo o título de “Adiviña quen vén cear esta noite”, esa que recrea o encontro que se produce entre o escritor devandito e un matrimonio que le a súa obra, afondando na peculiar da interacción que se establece entre eles, o resto do discurso narrativo constitúe unha morea de elos desa cadea implícita xa no título e que vai escoándose como unha correntía que retroalimenta, aquí e acolá, este edificio narrativo para o que recorre a un amplo abano de recursos técnicos, de asuntos tratados e de perspectivas empregadas. Velaquí epístolas, fragmentos de guións cinematográficos, informes literarios, relatos máis ou menos canónicos, novelas curtas ou “nouvelles”, entre outros elementos, na pretensión de elaborar un universo temático plural composto polos ecos dun naufraxio na Costa da Morte, pasando por unha historia protagonizada por un estudante universitario en Compostela a comezos do século XX –particularmente unha das pasaxes que máis me gustaron-, até olladas a historias do exército colonial inglés, ás vivencias de galegos –algúns moi coñecidos- nos tempos de Abd-el-Krim, aos acontecementos vinculados coa guerra civil ou a iso que relata un mecanoscrito atopado nunha cisterna dun asilo onde as citas esgotan a propia narración, a carón de historias de terror ou mesmo recreacións biográficas –ficcionais?- arredor de Manuel Antonio, entre outras moitas.

        Cadeas, ademais, é unha proposta que navega polos mares da deconstrución ou reconstrución do concepto de novela,  sempre desde as instancias da ironía e o descreimento, sen dúbida dous trazos solventes do autor ben patentes aquí. Animo a ler este premio Xerais: unha escolla narrativa indubidablemente distinta e suxestiva.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 26 de outubro de 2013, baixo o título de “Labirintos de vida e literatura”.