Manuscritos: María do Carme Kruckenberg (I)

Nos preliminares dun acto cultural que se celebrou hai pouco tempo, Mercedes Queixas, máxima autoridade no que se refire á traxectoria biográfica e á interpretación literaria da obra de María do Carme Kruckenberg, fíxome un agasallo que tamén o é para as persoas que pasan por esta bitácora. Co visto e prace da poeta viguesa achegoume unha meditada e representativa selección de manuscritos dunha das nosas poetas máis prolíficas. Dáse conta aquí, nesta primeira entrega, dunha composición incorporada no seu día ao poemario Canaval de ouro, publicado en 1962 na editorial Galaxia e que constituía o seu segundo libro en galego.

       O manuscrito, como se advirte, está datado entre febrero de 1954 e decembro de 1956 e asinado entre dúas cidades que gozaron de enorme relevancia na súa vida: Madrid e Vigo. O meu agradecemento máis sincero a Mercedes e María do Carme (ambas as dúas na foto superior tirada nun diálogo conxunto que se celebrou a semana pasada en Vigo).