Venres, de Santiago Freire e Dani Padrón

Santiago Freire (texto) – Dani Padrón (ilustracións)

Venres

Sushi Books, Cangas do Morrazo, 48 páxinas, 16 €

 

Sorprendeume, e gratamente, esta primeira entrega en formato álbum ilustrado que ofrece agora o selo cangués Sushi Books baixo o título de Venres.

     Na coidada edición non ocupa un lugar menor a atractiva lectura visual que realiza o ilustrador Dani Padrón e, ao tempo, o enxeño de Santiago Freire,  quen polo de agora era máis coñecido polas súas incursións na poesía infantil.

     Venres ofrece, ao meu ver, moitos elementos de interese para quen se achegue a el, pertenza á franxa lectora que for pois inspírase, inequívocamente, no coñecido personaxe do Robinson Crusoe de Defoe, mais tamén no protagonista da novela pero invertendo, ou máis ben subvertendo, a historia de Defoe: é agora Venres quen dá conta, desde una perspectiva inesperada, como foi o encontro con quen o bautizou con aquel nome curioso, como discorreron as vivencias conxuntas, como percibía a realidade que os rodeaba aquel home branco e como evoluciona o trato entre ambos os dous, deixando ás claras que probablemente Venres modificou moito máis a conduta do náufrago que a do nativo que fuxía dunha morte certa (premendo aquí pódense visualizar as primeiras páxinas do libro).

        Alén desas claves que talvez só desvele un lector ou lectora adulta, non deixarán de ser percibidas dalgún xeito por calquera que se achegue a este álbum pois na súa esencia incorpora a idea de que non todo, nin sequera nos entes de ficción que se poderían denominar como clásicos, posúe unha única lectura. Hai outras perspectivas ou visións das cousas, como ben suxire Venres. Parabéns ao autor, ilustrador e selo editorial por esta achega.

 

2 Comments

  1. O, grazas! A verdade é que Dani Padrón fixo un traballo excelente. Encantado de pasar pola vosa páxina. Unha aperta!

Os comentarios están pechados.