Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias

Cesáreo Sánchez Iglesias

Caderno do Nilo

Xerais, Vigo, 2013, 144 páxinas, 18 €

 

Retorna ao primeiro plano de actualidade literaria Cesáreo Sánchez Iglesias e faino cun poemario titulado Caderno do Nilo, libro ao que parece moi ben recibido entre quen en Galicia se interesa pola poesía.

      E non é de estrañar. A voz de Cesáreo Sánchez é unha das máis salientables entre as da súa xeración poética e, xa que logo, calquera nova achega da súa autoría suscita, inequivocamente, a atención de lectoras e lectores pois non en van a súa presenza neste ámbito resulta celmosa e intensa, ininterrompida desde a publicación en 1978 de Silencios e conversas de Inverno, recensionada no seu día, por certo,  por Celso Emilio Ferreiro.

       Caderno do Nilo inspírase, así pois, en tres viaxes a Exipto realizadas polo autor mais non se agarde, así pois, un exercicio descriptivo da experiencia, algo que sería, por outro lado, ben lícito. Hai algo máis neste libro: estruturado coma se dun caderno de bitácora se tratase, aliméntase por unha sucesión de poemas que resultan instantáneas da percepción dun universo distante pero próximo. O Nilo, o río, tal e como Cirlot apuntaba no seu estudo sobre os símbolos, resulta ambivalente pois corresponde tanto á forza creadora da natureza coma do tempo. Dos dous elementos hai, e abondo, neste poemario, mais é, ao meu ver, sobre todo nesta última referencia arredor da que pivota a voz lírica, sitúandose dalgún xeito nos eidos do atemporal e  percorrendo “un secreto camiño que leva / o tempo a outro tempo”. Nese exercicio hai, quen o dubida, una procura consciente da cerna da historia, unha vontade de apreixar o propio tempo e, de non ser posible, retratalo con palabras. A memoria da viaxe é a memoria persoal articulada in situ  pois o groso do libro, paréceme, xorde naquel espazo  malia que os poemas se redefinan e ordenen máis tarde, pervive a sensación de espontaneidade e proximidade, tamén a vontade de que todo ha permanecer na memoria pois a voz lírica viaxa tamén “ao outro de min / que relé a súa propia historia”.

     O camiño,  a singradura, a viaxe é sempre unha experiencia continua de coñecemento,  e, concretamente, eses traxectos a bordo do Princess, ese  percorrido a través do Nilo, resulta operativo para articular, ademais, un ricaz diálogo coa tradición literaria universal, obxectivada nas experiencias de coñecemento da realidade que o Nilo revela e que foron, dun xeito ou doutro, fonte de inspiración, ou que literaturizaron ou converteron en materia poética voces como as de Flaubert e George de la Tour entre outras.

    O Nilo vai ensarillando un mundo propio, conformado por cidades, espazos, xentes e oficios; por sons,  arrecendos e cores…, debuxándose un tapiz global que converte a proposta, dalgún xeito, nun libro dos sentidos: é o río  navegado o “que se fai escrita e luz sen corpo / e corpo sen tempo”. Velaquí recaladas que van de Abu-Simbel a Assuán, de Nubia a Gizéh, de Luxor a Esna, á espreita dos significados das falúas ás atmosferas dos cafés, da vida cotiá que rebole de mans dadas coas testemuñas do “atemporal” aínda vivo entre nós. O muecín convoca a oración e o poeta, que tamén oe a chamada, practica o exercicio da escrita para que as experiencias do día, ou dos días, se reteñan e se traduzan en palabras.

      Cesáreo Sánchez ofrece neste Caderno do Nilo singraduras duradeiras coas que navega sobre a cerna do ser, sobre o propio tempo. Singraduras senlleiras e fecundas. Convido a que se coñezan.