Lembranzas dun tempo esquecido. Obra dramática, de Lois Antón

Lois Antón

Lembranzas dun tempo esquecido. Obra dramática

Asociación Xuvenil e Cultural de Ramirás-Urco Editora, Ramirás, 2013, 136 páxinas, 16 €

 

Sei que con este libro se cumpre un desexo longamente acariñado polo escritor ourensán Lois Antón, e confeso un aquel de satisfacción e solidaria alegría polo feito de que así sexa pois se a produción poética do autor xa se percibe con outras modulacións ao escoitala, as súas  pezas teatrais, destinadas como é lóxico para a  súa representación, constitúen a plataforma máis acaída para a divulgación dos esteos que dominan a súa creación,  dominada sempre por unha diáfana vontade reivindicativa.

     Lembranzas dun tempo esquecido, así pois, reúne a maior parte da obra teatral que Lois Antón foi cultivando nos últimos anos e ofrécese nunha edición, con deseño de capa e viñetas de interior de Baldo Ramos, que correu a cargo do profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte, quen tamén se responsabiliza da redacción dun completo limiar. Trátase, xa que logo, de catro pezas escritas en primeira instancia para un público xuvenil pero, ao meu xuízo, de efectivos resultados para outro tipo de destinatarios.

    As pezas dramáticas, así pois,  están situadas en diferentes períodos do século XX como son os anos oitenta e noventa, a sublevación militar do 36 e  a ditadura franquista; deseñándose a través do eco dunha atmosfera que lle é propia ao autor ao reflectir o espazo rural do seu Escudeiros natal ou do val de Ramirás en xeral, con personaxes que emanan dese humus rural e cun argumento que se activa desde a recreación de fenómenos metereolóxicos adversos nos máis dos casos, agás a peza “Unha vida por outra”, na que presenza da temática de alleamento humano acada unha dimensión protagonizadora, convivindo con outros asuntos como son os da imposición lingüística do castelán, a emigración ou a represión sen medida exercida contra os labregos.

     Non debo concluír este apuntamento sobre a dramática de Lois Antón sen subliñar outro dos seus grandes logros que é, como non podía ser doutra maneira, o emprego dun rexistro lingüístico intensamente fluído, vivo e de base popular, que converte nun galano a súa lectura. Oxalá que, coa súa publicación, se difunda esta obra dramática de xinea popular e axiña se puidesen escenificar algunhas destas pezas: ben o merecen.