Manuscritos: Francisco Taxes

Nun ano coma o presente, no que Roberto Vidal Bolaño centrou parte das efemérides literarias, quería render un pequeño recoñecemento á figura do dramaturgo Francisco Taxes falecido hai dez anos, seis meses despois de Vidal Bolaño, tal e como Camilo Franco nolo lembraba non hai moito tempo.

     Xurxo Taxes realizou en 2008 unha edición modélica da Obra dramática de seu pai na colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais. Foi aquel un libro, ao meu xuízo, que resultou operativo para recoñecer o que Taxes significou para o teatro galego contribuíu con solvencia a difundir a súa obra.

     Retomo o fío de Francisco Taxes para traer aquí unha mostra do seu quefacer creativo a través duns manuscritos conservados que reproduzo por cortesía de Xurxo Taxes (premendo nas imaxes pódense ler con maior claridade). Trátase dalgúns fragmentos de Lenta Raigame, publicada orixinalmente nas Ediciós do Castro, tamén incluídos na Obra dramática e tirados nesta ocasión do manuscrito orixinal conservado, asinado na vila de Sada entre o oito de febreiro e o oito de marzo de 1979. Canda eles vaia tamén o meu recoñecemento polo traballo teatral de Francisco Taxes, autor dunha obra que, sen dúbida, está hoxe máis vixente que nunca.