A guerra, de Mª do Cebreiro e Daniel Salgado

A guerra

María do Cebreiro et Daniel Salgado

Barbantesa, Cangas do Morrazo, 2013, 86 páxinas.

Non resultan en absoluto comúns propostas creativas como a que se contén n´A guerra, un libro composto por María do Cebreiro e mais Daniel Salgado e editado por Edicións Barbantesa. Transítase ben pouco este campo da creación a catro mans e aínda menos cando falamos de poesía, polo que non deixa de ser esta unha achega ben pouco ortodoxa no panorama da poesía galega contemporánea.

       Pero hai máis razóns, e de máis peso,  que fan deste un libro singular e interesante que non debería pasar desapercibido. No ronsel duns versos estremecidos de Seamus Heaney que actúan de paratexto e que falan do sufrimento e da dor que o ser humano infrinxe ao propio ser humano e mais da imposibilidade para recompor ese mal, quen se achegue a este libro asistirá a un diálogo, a un  intercambio textual anónimo -descoñécese a autoría da cada unha das intervencións- que, ao que parece, xurdiu do intercambio de correos electrónicos entre as dúas voces.

      A guerra bebe, así pois, dunha fonte que é manifestación dunha preocupación social e política -que texto literario non a amosa, dun ou doutro xeito?- articulando un diálogo, unha conversa, un exercicio de dialéctica que en ocasións atopa un xiro inesperado nos asuntos batendo cunha sorte de aforismo conceptual que convida ao debate para camiñar polos eidos da reflexión aceda e crítica sobre o tempo actual que nos tocou vivir. Velaí como se patentiza que “aquel reino da liberdade”, do que tamén falaba Celso Emilio Ferreiro, se alguna vez existiu deveu en quimera, inquirindo, preguntando, afondando sobre as razóns que explican este labirinto e cal vén sendo o noso papel nesta situación, descrita sen afán eufemístico ningún.

     Xorde, aquí e acolá, páxina a páxina, a tensión, a angustia, o abatemento ao pouco de afondar na descrición dos esteos que sosteñen esta realidade e as súas consecuencias; mais o poemario é ben rico noutros matices e asuntos pois non esquece incorporar signos que constatan o paso do tempo e na presenza dos desexos e dos corpos, pegadas do que a escrita é e o seu posible sentido último, ecos sobre aquilo que lemos e como nos vai conformando, tamén sobre o todo aquilo que se partilla. Poesía lúcida para nos asomar a estes tempos, sen dúbida.