Tres poemarios de María Reimóndez. Un bosque de diversidade

NON SE DEU ANTES NA LITERATURA GALEGA: NINGUÉN PUBLICOU TRES LIBROS SIMULTANEAMENTE EN TRES EDITORAS DIFERENTES. CONSEGUILO NESTES TEMPOS É, ADEMAIS DE ALGO EXCEPCIONAL, CASE UNHA HEROICIDADE

María Reimóndez afirma que o feito de cadraren tres poemarios no mercado literario galego non deixa de ser un feliz accidente ou unha anomalía  tras dez anos de silencio editorial, que non de escrita. Sexa como for a iniciativa que vén da man de tres editoras distintas e que, ademais, acollen libros ben distintos, supón un acontecemento que cómpre non deixar pasar desapercibido.

kleinigtkein/cousiñas

       No ano 2011, xunto con Yolanda Castaño, realiza unha estadía na Villa Waldberta, promovida polo Instituto Cervantes e o Kultureferat do concello de Múnic. De aí procede este kleinigkeiten/cousiñas, editado primorosamente por Fabulatorio, un selo editorial singular radicado na Coruña. Malia que a autora xa tenteara a lingua alemá algún tempo antes, aquela estadía reflectiuse nunha publicación –Cuadernos de Villa Waldberta/Aufzeichnungen aus der Villa Waldberta (2012)- na que incluía un mollo de poemas escritos orixinalmente en alemán e traducidos ao galego, lidos en diversos eventos culturais en Múnic. Daquela, coma neste libro, Reimóndez percorre un camiño peculiar que non estaba previsto pois a intención era a de espellar a “outredade” que a autora incorporaba e deixala esvarar nunha lingua e nunha cultura central europea, converténdose así,  que eu saiba, na primeira escritora galega alófona en lingua alemá.

         Existe unha edición de autora co texto únicamente en alemán e con ilustracións de María Longa, pero aquí coméntase Kleinigtkein/cousiñas, traducido pola autora, onde desde o título xa ecoa á mantenta o sistema lingüístico no que foi concibido. O poemario resulta sorprendente e singular: cruzado por termos alemáns aquí e acolá, intérnase nunha historia de amor e desamor,  onde os obxectos cotiáns se redimensionan e adquiren unha nova simboloxía, como tamén ocorre cos espazos transitados, coas linguas, coas persoas  e, sobre todo, coa cidade de Múnic, unha das grandes protagonistas do volume. Reimóndez afirma que se trata dun libro especial porque “non escribín o libro para un público galego, foi un proceso de tradución complicado porque o texto en alemán xoga con descompoñer o idioma: eu collo o idioma como unha persoa que non é falante nativa da lingua que ten unha visión da lingua externa…, trasladar todo isto ao galego –connotado de maneira diferente para min- foi un proceso complicado…, deixei cousas en alemán porque o idioma tamén tiña que estar presente aí”.

Presente continuo

       Presente continuo, por outro lado, editado por Xerais, bota a ollada atrás: ás experiencias da súa primeira viaxe á India que marcaron a súa actividade na organización non gobernamental “Implicadas no Desenvolvemento”: “rematado había moito tempo”, sinala a autora, “resultou complicado volver agora a el porque narra o que eu pensaba había dez anos, pero xa pasaron outros dez…, as percepcións das que se fala talvez son distintas”. O libro organízase como unha cartografía que pretende apreixar o tempo, experiencias e reflexións nas que se reflicte algo substancial en clave persoal, alén do encontro e a descuberta, como é a vivencia do “descentrarse” dun universo onde o sentido crítico se asoma arreo, sen limitarse a expor asepticamente situacións ou vivencias senón para reivindicar, para se definir onde a dor non está ausente. É un libro que supón, dalgún xeito, un balanzo particular pois son dez anos “buscando a firmeza / a confirmación / dos universos redondos”. En palabras da autora: “un testemuño da miña historia persoal pero co que neste momento non necesariamente me teño que asociar en todo”.

Moda galega redoaled

      Por último, Moda galega reloaded ten unha orixe diferente e vincúlase co seu primeiro libro –Moda galega– publicado en Edicións Positivas en 2002, selo que acolle este novo título que estará de inmediato na rúa e  que “naceu dunha forma accidental porque no 2011 comezamos un proxecto no Feminario da Universidade de Vigo coa escritora filipino-australiana Merlinda Bobis, que era un poema sonoro de Vigo e cando pensaba sobre que tema traballar, a profesora Martín Lucas comentara que había dez anos que publicara Moda galega.., a raíz diso primeiro fixen un poema sonoro da cidade e logo traballei outra vez sobre o libro, revisitando os espazos e os temas, para ver que pasara dez anos despois coa cidade”.  Os asuntos que estaban presentes no seu primeiro poemario –unha visión crítica sobre os modelos impostos ás mulleres no tránsito polos comercios da cidade de Vigo-, nun contexto como actual no medio dunha crise económica devastadora, revísanse pois aqueles modelos seguen vixentes e reforzados. Talvez sexa o libro máis reivindicativo e crítico dos tres pois nel hai un cuestionamento palmario tanto das leis económicas que se nos impoñen como dos  patróns de xinea patriarcal, se cadra, reforzados. Contra iso a reacción é a poesía “carraxe dun pedra / contida na palabra / fronte unha carga policial”.

FÍO COMÚN

       Procurar un fío común nos tres poemarios non é doado. Talvez os una o devezo de comunicación directa que latexan nos poemas dos tres libros, a perspectiva crítica e rebelde que incorpora aquí e acolá  e a presenza da ironía cando esta cumpre. Os tres proceden dun universo propio e particular: “eu son a mesma persoa que o escribe; o meu proxecto literario segue unhas liñas claras, hai elementos de encontro pero os proxectos son distintos claramente”.

            Reimóndez intensifica así, con estes tres libros,unha biografía literaria composta por ensaios, novelas, relatos e agora tres libros máis de poesía: “todo é o mesmo porque parto das mesmas inquedanzas: escribo sobre o que me intriga, sobre o que me provoca inquedanza ou curiosidade, tentando dar resposta a cousas que me desacougan… De cada xénero gústame o que o fai diferente, nas novelas gústame narrar cousas que non teñen que ver coma miña vida necesariamente, poder crear mundos, e na poesía interésame o contrario: é un espazo ao que eu lle podo dar saída a unha voz máis íntima, desde o persoal e aí o persoal e o político chegan a una intersección máis forte; mentres que o ensaio é a posibilidade de difundir”.

      Convido a adentrarse no bosque de diversidade que constitúen estes tres poemarios. Difícil será non atopar neles espazos para que a poesía nos volva habitar.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, baixo o título de “Tres poemarios de  María Reimóndez. Un bosque de diversidade”, o 2 de novembro de 2013.