ESTA POETA E NARRADORA CONSTITÚE UN DOS MÁIS NOVOS E SÓLIDOS VALORES DA LITERATURA GALEGA. FALAMOS CON ELA SOBRE O SEU TRABALLO CREATIVO.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) publicou o seu primeiro libro con apenas vinte anos: o poemario Corpo baleiro (2007) e un ano despois Dentro, co que gañou o premio de poesía Avelina Valladares. Como narradora publicou a novela Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de novela, 2008, tamén editado en castelán) e o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido ao castelán e ao xaponés por Pulp Books.
En 2012 recibiu o Premio Johán Carballeira de poesía en 2012 por Raíz da fenda (2013) e, hai poucas datas, tamén recaeu na súa novela O derradeiro libro de Emma Olsen o Premio Repsol de Narrativa Breve en 2013 que se publicará este mesmo mes de novembro. Mantén activo o blog “Confabulario novo” e escribe artigos de opinión no semanario Sermos Galiza.
-Desde os seus comezos como creadora alterna prosa e poesía. Que a leva a un ou outro xénero?
-No meu caso, os proxectos de poesía adoitan ser máis continuados no tempo, detéñense e retómanse, pero permanecen como pano de fondo. Supoñen case sempre un enfrontamento coas palabras, un acto de abrir fendas ou fracturas. Creo que, cando escribo narrativa, o intento responde máis á idea de pechar ou conectar esas fracturas entre si, de construír os bordos do oco, en vez de sinalalo como fai o poema. Iso creo, pero non o teño moi claro, porque ás veces sucede o contrario.
-O proceso de creación e maduración de textos poético en vostede, polo que coñezo, é moi meditado. Tamén na narrativa?
– Para min son procesos de escritura moi diferentes. Cada vez corrixo máis o que escribo e síntome máis insegura. Cando escribía Raíz da fenda fun colgando os poemas no corredor da miña casa para ordenalos e corrixilos, necesitaba velos todos á vez, se non na miña cabeza, polo menos si na miña parede. Cando traballo en narrativa o fago sempre en ordenador, imprimo as versións e corrixo a man, supoño que é o máis convencional.
-O seu último poemario, Raíz da fenda, concitou o favor da crítica e dos lectores. Sorprendida?
-Moito. E tamén moi agradecida con todo o que este libro me está a devolver. Nunca tería pensado que ía reeditarse en pouco máis dun mes, que habería persoas que me escribirían para compartir comigo as súas feridas e as súas miradas sobre o libro. É moi emocionante, sobre todo para unha autora que comeza.
-Como narradora se dió a coñecer con Bailarei sobre a túa tumba, premio Biblos para autores noveis. Como valora aquel galardón?
-Foi fundamental para min. O premio é unha iniciativa interesante porque comporta un proceso de finalización da novela premiada na que o autor novel está acompañado por un escritor de prestixio, a publicación do texto e o seu visibilización. É un premio para aprender e unha oportunidade de despegar, unha iniciativa valente e creo que importante, como todos os proxectos de Biblos, para brindar un apoio ao escritor que empeza. Cando participo en calquera cousa que teña que ver con Biblos síntome sempre na casa.
-Con O derradeiro libro de Emma Olsen conseguiu o premio narrativa breve Repsol hai poucos días. Como sintetizaría esta proposta?
-A protagonista é unha escritora que, a punto de enfrontar a morte, decide usar o tempo que lle queda en escribir unha novela para contar un segredo. É unha reescritura do seu propio pasado, un cara a cara coa súa experiencia vital e literaria. Creo que é unha novela sobre as fronteiras que atravesamos e os límites que nos cercan.
NOVIDADES
Migallas
Un libro-disco con temas cotiáns e divertidos, da nosa tradición musical.
Kalandraka, 64 páxinas, 20 €
UN DÍA NA VIDA DE IVÁN DENÍSOVICH
Aleksandr Solzhenitsyn
En tradución de Martin Andor, unha novela sobre la crueldade e a honestidade.
Rinoceronte, 168 páxinas, 16,90 €
PRESENTE CONTINUO
María Reimóndez
“Abrín unha porta / pola que entra o vento /
e por fin, / despois de tanta loita, / enguedéllame o cabelo.”
Xerais, 48 páxinas, 12,50 €
Este texto apareceu publicado na revista Qué leer, nº 192, baixo o título de “Berta Dávila y las fracturas de la poesía”. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.
1 Comment
Os comentarios están pechados.