Polas diversas xeografías da Lusofonía, Xosé Lois García

Xosé Lois García

Polas diversas xeografías da Lusofonía

Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, Betanzos, 2013, 868 páxinas.

 

 

Hai un par de anos Xosé Lois García publicaba dous grosos volumes que compilaban a totalidade, até o de agora, da súa obra poética. Aparece agora outra publicación que moito me gustaría concitase a atención do público interesado nos traballos ensaísticos do autor lucense pois, na realidade, Polas diversas xeografías da Lusofonía recolle maioritariamente os seus traballos vinculados coa lusofonía, aínda que tamén se achegan a outros asuntos literarios que, nalgunha ocasión e con intención propedéutica, chamaron a súa atención.

        Prologado con luminosidade, agarimo e enxeño por David Otero e con cuberta de Héitor Picallo, o volume exhibe a monumentalidade do quefacer como divulgador e investigador nestes ámbitos da lusofonía desde 1975  e faino adentrándose na vizosa fraga que hoxe representa o seu traballo, organizado desde hoxe a través de diversos eixes que agrupan as achegas realizadas en diversos congresos e coloquios nos que participou, para seguir coa reproducción de conferencias ditadas, limiares en diversas publicacións, artigos que viron a luz en diversos soportes e mais algunhas entrevistas que o autor de Merlán realizou ao longo dos últimos anos.

           Velaí como se deseña un abondoso corpus de traballos e investigacións que cómpre, ao meu xuízo, pór en valor pois  o volume é tamén unha inequívoca fonte de coñecementos e datos sobre a lusofonía e nós, sempre desde o criterio de facilitar o achegamento aos contidos tratados cun discurso diáfano e directo.

               Neste océano de reflexións e pescudas que representan estas páxinas quixera salientar os estudos vinculados con Agostinho Neto,  o moi clarificador e interesante para min estudo sobre a emigración galega en Lisboa vista por estranxeiros, as páxinas dedicadas a Teixeira de Pascoaes, Guerra Junqueiro, Antero de Quental, Raúl Brandão ou a listaxe enorme de obras, autores e autoras lusófonas, a carón da inxente atención prestada á literatura angolana ou as súas análises e propostas para a divulgación educativa da lusofonía en Galicia.

       Teño para min que o labor de divulgación do universo da lusofonía, non só no ámbito do literario, senón tamén do artístico, o político, o social  ou cultural, entre nós, posúe escaso parangón co que levou feito e segue a facer Xosé Lois García. Beizóns por esta publicación.