Manuscrito: Xabier P. DoCampo (e II)

Hai máis de un ano Xabier P. Docampo deixaba nesta sección unha mostra manuscrita dunha novela na que, daquela, andaba a traballar. No devandito apuntamento avisaba da inminente, e xa pasou ben de tempo!, incorporación doutra mostra ilustrativa dos apuntamentos que o autor seguía para a redacción da proposta narrativa que, por fin,  hoxe se espella aquí:  un anaco do esquema do segundo capítulo no que, segundo o autor “hai unha aparición da virxe moi particular (e, en boa parte, tirada dun feito real)”.

     A novela, segundo o autor, era  un proxecto de vello: “comecei lle dar voltas hai dez anos, non é, nin moito menos, unha novela infantil ou xuvenil. Levo traballado oito anos nela e quédame aínda moitísimo traballo por diante para dala por finalizada”. Os que gustamos da escrita dun dos nosos mellores narradores agardamos por ela mentres que xa se anuncia A illa de todas as illas, un texto que obrigou a Xabier a realizar unha longa paréntese no primeiro proxecto, e da que o autor apunta: “ten como un dos seus temas a paixón pola lectura que aniña nos nosos corazóns e que soñamos con transmitir/contaxiar aos/ás máis novos/as. A todo iso hai que lle engadir un traballo primoroso do Cobas”. Beizón, Xabier.

1 Comment

Os comentarios están pechados.