Gústame o galego…

Onte presenciei, no estadio vigués de Balaídos, e con moita satisfacción, o apaixonamento e mais o ambiente festivo que se suscitaban entre centos de persoas, de todas as idades,  cando se atopaban nos baixos da grada de Preferencia coa  orixinal  campaña de “Gústame o galego…” que agromou ao abeiro da Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua (CTNL) e que, ademais, recibiu esta mesma semana o premio “Xoán Manuel Pintos” do Concello de Pontevedra ao labor de impulso do uso da lingua galega, xunto coa editorial pontevedresa Kalandraka.

     Dando algunha volta polos arredores do lugar chegoume un comentario dunhas persoas que axexaban os lemas dos carteis e esculcaban toda a dinámica que alí se vivía: “Ah, isto debe ser contra Rajoy ou contra Feijoo…”. Non sei se interpretalo como un síntoma de como se percibe o estado das cousas vinculadas coa lingua galega, e sinceramente quero crer que non. Aquelas palabras xeráronme certo desacougo pois lamento que se xulgue como político un acto festivo e orixinal de defensa e promoción da nosa propia lingua. Eu prefiro quedar co estado de ánimo tan reconfortante que se vivía alí.

      O que non sei é se aquelas dúas persoas foron facer a foto ou non. Eu si, claro.