Ningún precipicio, de Olalla Cociña

Olalla Cociña

Ningún precipicio

Toxosoutos, Noia, 77 páxinas, 2013, 12 €

 

Olalla Cociña presentou a semana pasada en Compostela o seu último poemario titulado  Ningún precipicio e no convite  que realizaba nas redes sociais rezaba que habería “contos de terror e de amor, esconxuros e arrolos”. Algo disto, e máis cousas, aínda que sexa tamén esta unha excelente definición, se pode atopar neste poemario: un repertorio de historias,  confesións, lecturas, reflexións e olladas que singularizan con determinación esta obra na súa propia traxectoria poética.

      Este Ningún precipicio constrúese aplicando unha forte narratividade, especialmente palpable na parte final do poemario. Nel ofrécese un amplo deseño de situacións, por veces cun inequívoco ton que quere apreixar e interrogar(se) sobre o que xa foi, afondando nesas actitudes que pairaban no fondal da memoria e que agora se rescatan, en especial nesa época na que a inocencia vai esluíndose. O exercicio esixe, así, adentrarse  nos significados dos acenos, no universo cotián marcado pola tenrura ás veces, e outras pola crueldade. Perséguese, así, talvez non desvelar senón suxerir as claves misteriosas que explican os encontros e os desencontros vitais ou cando menos esconxuralos  e para facelo apóiase  nesas dimensións que agochan tantos obxectos que resultan, ao final,  especialmente operativos para “regresar ao tempo / no que as palabras eran en por si / incandescentes”.

        A voz lírica dialoga en ocasións, reflexiona en todas elas, e aquí e acolá xorde a rebeldía, o dereito á  reacción desde o ámbito máis íntimo agora compartido; en ocasión subvértense os mitos e tamén, con certa frecuencia, asoma a reflexión sobre a práctica da poesía, sobre a exhibición artística pública.

            Cociña deixa un pouco dela nas cousas que toca e isto fai do seu libro un exercicio brillante de honestidade e transparencia. Como fermoso e intenso é o prólogo, por certo, de Ildefonso Rodríguez.