Tarde literaria

Diante da estupefacción e o pasmo que me provocou a sentenza do caso Prestige, do mesmo xeito que a milleiros de persoas deste país,  o certo é que a tarde de onte, malia algunhas urxencias inesperadas, agasalloume unha extraordinaria e longa conversa con Pedro Feijoo, centrada no seu suxestivo A memoria da choiva e noutras cuestións literarias,  da que darei conta dentro duns días. Un libro do que non é nada difícil conxecturar que vai converterse nunha das novelas de referencia para este vindeiro Nadal.

     Xa no serán acompañei a Xesús Alonso Montero, Francisco José Fernández Blanco -alcalde de Trives- e Xoán Carlos Domínguez Alberte na presentación das Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña na Casa do Libro de Vigo. Foi unha magnífica oportunidade de render unha homenaxe ao autor de Fírgoas, cando se cumpren precisamente oitenta anos da edición deste singular poemario. Tal e como un xornal vigués anunciaba non se contou co concurso de Manuel Luís Acuña no acto pero teño para min que foi unha presentación ben bonita.