Carne de Leviatán, de Chus Pato

Chus Pato

Carne de Leviatán

Galaxia, Vigo, 2013, 132 páxinas,  13,70 €

 

Por veces sucédense circunstancias que adían a lectura dun libro, talvez máis do desexado ou conveniente. Iso foi o que me ocorreu con Carne de Leviatán, de Chus Pato, aparecido xa hai algúns meses, sepultado involutariamente na miña biblioteca tamén durante ese tempo, mais  aínda de evidente actualidade por constituír un poemario perdurable e que aínda se presentará na cidade de Vigo o vindeiro catro de decembro.

      Carne de Leviatán é, quen o dubida, un dos libros máis relevantes entre os aparecidos neste ano que andamos e garda estrita fidelidade á estética pola que transita a autora. Escribiuse abondosamente, e nalgúns casos moi ben, arredor do que supón esta entrega de Chus Pato e, particularmente, non quería que concluíse o ano sen deixar constancia da lectura deste libro que, desde os seus alicerces, supera as fronteiras da lírica e se ofrece como outra cousa: unha singradura marcada polo abraio continuo ao permitir que un se asome a abismos que non se ven ou non se saben ver.

      Ton epopeico e épico, elexíaco e memorialístico, visionario e apocalíptico en ocasións, abeirándose á abstracción con recorrencia,   gobernado por unha forte narratividade e pola ruptura da linealidade, nel dáse tamén unha intensa densidade conceptual que esculca, reescribe e se reapropia dalgúns esteos da nosa tradición lírica mais tamén do pensamento contemporáneo. Hai nel tensión páxina a páxina, un proceso que estordega a sintaxe e a linguaxe até as estremas, un tránsito que percorre os pozos máis profundos da Historia, “cara a onde non hai tempo” ou onde este talvez nin exista; unha reflexión, en fin, sobre a escrita, a palabra  e o corpo…, sempre a palabra que quere ser paxaro e que deita o seu canto  “no azur  // na fraga / no idioma”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.