A práctica da docencia cotiá conduce, a non ser que un sexa cego e non queira oír ou entender, a decatarse de que os pasos atrás dados no proceso de normalización da lingua galega constitúen unha alerta moi preocupante para a saúde do idioma pois advirto que medra o número de fogares nos que a lingua galega está ausente ou se reclúe nos falantes de máis idade. É un lugar común afirmar que as linguas son coma seres vivos e non entes inmutables nin imperecedoiros, isto é, que tamén poden desaparecer, básica e simplemente porque xa non se falan. En todo isto pensaba cando atopei unas interesantes reflexións sobre o estado dalgunhas das linguas no mundo, en claro perigo de extinción.
A web en cuestión, Bussines Insider, que me parece tanto por de onde vén como por outros contidos nada sospeitosa de asumir discursos radicais, informa sobre esta realidade ao fío duns informes da UNESCO apuntando a existencia de dez linguas que entraron, ao que semella definitivamente, neste grupo. Particularmente preocúpame moito a reflexión que se fai aí arredor do gaélico e traduzo libremente:
A aprendizaxe da lingua é precisa en moitas escolas irlandesas pero, desde que moi poucas familias o falan no fogar, considérase en perigo de extinción.