O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro

Francisco Castro

O corazón da Branca de Neve

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 136 páxinas, 13 €

 

 

Son, non o dubido, un lector privilexiado e mesmo teimoso desta novela titulada O corazón da Branca de Neve. O  primeiro achegamento foi o que me levou a compartir as deliberacións do xurado, composto maioritariamente por xornalistas de La Voz de Galicia no mes de xullo pasado, que a galardoou na décimo terceira convocatoria do premio Novela por Entregas; logo viría a realizada como lector do xornal que acolleu as diversas entregas ao longo do mes de agosto e, agora, nesta rápida edición independente do galardón que pon en circulación a editorial Galaxia.

         Lector privilexiado, dicía, que saúda con satisfacción o achegamento que un autor de dilatada e plural traxectoria como Francisco Castro realiza cara a unha modulación temática e vertebradora  que xa latexaba na súa novela In vino veritas, na que talvez pesaba máis un inherente xogo paródico destinado a romper moldes xenéricos, algo que, nesta ocasión, está ausente. A razón talvez se explique  pola decisión autorial de abeirarse á ideación dunha historia que se adherise máis canonicamente ao que as persoas afeccionadas ao xénero agardarían e que, ademais, se realizase a través dunha estrutura singular por mor das imposicións do galardón: trinta e unha entregas cun número de caracteres limitados, e que se fixese coa precisa habilidade narrativa na que a imposición dun ritmo vertixinoso fose unha esixencia que cumpría ter moi en conta e respectar sempre. E todos estes factores se combinan con excelencia nesta entrega.

        O corazón da Branca de Neve, así pois, cumpre, rigorosa e puntualmente, os trazos do esquema máis clásico do xénero policial. E isto faise, ademais, sen fuxir dun entramado ou trasfondo social conflitivo para o que se introducen asuntos desta xinea como, por un lado, o roubo dun bebé infrinxido a unha inmigrante, algo que opera como a faísca que prenderá toda a trama argumental e, por outro, a constatación da existencia doutras realidades como son as consecuencias que se derivan tanto do culto esaxerado ao propio corpo como do universo vinculado co mundo das drogas.  Todo isto inserido nun mosaico no que os acontecementos se suceden con rapidez a través de diversas deslocacións espaciais e da man de diversos personaxes que outorgan certa tonalidade coral á proposta, entre os que me permito salientar o do inspector Hermida, talvez porque non cumpre tallantemente o que o canon do xénero demandaría: velaquí un personaxe, moi vigués por certo, acaidamente deseñado sen excluír as súas propias contradiccións, percorrendo como pode esa encrucillada vivencial que atravesa; un personaxe,  ao que sei, que constituirá o elo que Castro ofrecerá para vindeiras entregas que xa comezou a darlle forma. Estou certo que igualmente dotadas da inequívoca vocación crítica que paira nesta: literatura entendida no soamente como un medio para pasar o tempo.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia baixo o título de “Novela policial para espellar a realidade”.