Galliez, Roxane Marie e Lhome, Sandrine
A Terra acatarrouse (tradución de Marica Campo)
Baía Edicións, A Coruña, 2013, s/p, 12,02 €
Vallat, Christelle e Peluso, Martina
As dúas casas de Alicia (tradución de Marica Campo)
Baía Edicións, A Coruña, 2013, s/p, 12,02 €
Non se prodiga, que eu saiba, a gran narradora e poeta que é Marica Campo como tradutora e por iso me alegra moito poder dar conta destes dous álbums ilustrados nos que, alén do interese polos seus contidos e formas, se une o factor de contar co traballo dunha autora que amosa a súa grande eficiencia e sensibilidade nestes labores.
A Terra acatarrouse é un libro sinxelo e, ao tempo, emotivo que está articulado de tal xeito que a forza inherente das ilustracións fan situar nun segundo e discreto plano o discurso narrativo, que precisamente xira arredor dunha doenza que afecta á Terra -enténdase a enfermidade en clave metafórica e sempre dará máis xogo- e ás consecuencias devastadoras, pero sempre imaxinativas e en moitas ocasións cun certo arrecendo irónico, que se poden derivar dese estado, impulsado unha e outra vez por desatinos e irresponsabilidades da propia humanidade, ou máis ben de quen se cren con dereito a todo. A solución é saber escoitar e saber entender pois será a propia natureza, a pouco que se deixe actuar, quen xa dispón das súas estratexias para sandar.
As dúas casas de Alicia, por outro lado, enfoca o tema da separación dunha parella desde a perspectiva dunha nena, Alicia, que terma dunha foto dos seus pais coa esperanza do retorno do pai á casa na que vive. Aos poucos irá descubrindo que é posible ser feliz con esa nova situación que debe saber arrostrar. Todo descrito, ao meu ver, con sinxeleza e efectividade, alleo a melindres que tan adoito aparecen en proxectos semellantes.
Parabéns, en fin, polas estas entregas, ben atractivas, e eficientes, as dúas.