Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pola fin da violencia de xénero

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega deu a coñecer hoxe un manifesto, elaborado pola escritora María Reimóndez e titulado “O dioivo que non cesa”, por mor da celebración, o vindeiro 25 de novembro, do día no que se reclama a fin da violencia de xénero.  Saúdo e agradezo, á asociación e mais á autora do manifesto, esta iniciativa tan necesaria e recomendo vivamente a  lectura íntegra do texto que se pode realizar premendo aquí. Permítome extraer un breve fragmento:

Mais no medio da choiva non debemos esquecer que os dioivos se forman na terra. Son auga que se evapora e logo cae, por iso se queremos cambiar algo debemos de ir ás raíces. De aí que as medidas máis importantes son aquelas que implican poñer en dúbida os valores existentes, deixar espazo para que as mulleres falemos, recoñecer os nosos dereitos, saberes e coñecementos e rematar cos espazos onde constantemente se nos cousifica, se nos educa para ser princesas e se nos define exclusivamente en relación a algún varón.