Pan de millo, de Migallas

Migallas

Pan de millo


Kalandraka, Pontevedra, 2013, 64 páxinas, 20 €

 

Non é de estrañar de Pan de millo se empoleirase axiña no posto dos libros máis vendidos nos últimos tempos entre os do seu xénero. O traballo musical dun grupo de longo e celmoso percorrido como Migallas, ofrecido nesta ocasión nun coidado cedé, envólvese nun estupendo envoltorio como é o traballo de edición en forma de libro levado a cabo por Kalandraka e, abofé, apoiado no traballo visual, a través dun monllo de suxestivas e espléndidas ilustracións que veñen da man de Dani Padrón; xunto con arranxos e producción musical a cargo de Magoia Bodega e mais Paulo Nogueira.

      Pan de millo, así pois, achega catorce pezas musicais, as máis delas versións inspiradas noutras de corte tradicional, que constitúen parte dese acervo común musical en tantas ocasións extraordinariamente difíciles de atopar e que aquí se ofrecen por xunto, a carón doutras composicións que se derivan da obra de autores como Rodari, Collodi ou García Teijeiro.

         Velaquí un exercicio que potencia a educación musical e dramática, de mans dadas coa vontade lúdica e, xaora, co obxectivo posto na promoción da lingua galega. Non me parece pouca cousa.

         Velaquí, como petisco,  un vídeo realizado cos nenos e nenas da EEI de Verducido (Pontevedra) a partir da canción “Pan de millo”. Bo proveito!