A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

Pedro Feijoo

A memoria da choiva

Xerais, Vigo, 2013,  472 páxinas.  22 euros (formato ePub 10,50 euros)

 

Logo do indubidable éxito que supuxo Os fillos do mar unha segunda novela incorpora sempre un reto e unha aposta da que non sempre se cumpren as expectativas. Neste caso teño a convicción de que A memoria da choiva, por un lado, lle ha carrexar ao autor o dereito, se é que non o ten xa, a ocupar un  oco entre os máis interesantes e innovadores creadores narrativos e, por outro, posibilita, a quen se decidan achegarse á novela, moitas horas de intensa e trepidante lectura. Un exercicio este, o da lectura, onde se prioriza a axilidade narrativa e o desexo de entreter mais tamén, e se cadra con maior intensidade nesta segunda novela, se transloce con claridade esa vontade implícita que conduce a que, tras pechar o libro, fique algo resoando que provoque a reflexión.

         Feijoo estaba no seu dereito de volver transitar por unha fórmula como a que deseñara en Os fillos do mar, mais nesta ocasión, malia algúns evidentes paralelismos coa primeira, optou por configurar unha esquema narrativo no que, ao meu ver, equilibra a intensidade esperable dunha novela de xénero ao lle engadir un universo inspirado en referencias de corte literario de noso, mesmo identitario. Velaí, no primeiro dos factores, a sucesión dunhas brutais execucións  perpetradas na cidade de Santiago de Compostela, deseñadas e descritas sen concesións adozantes e que cumprirá clarexar da man de dous personaxes sólidos e solventes como son o irónico xornalista de investigación Aquiles Vega, que simboliza por outro lado as dificultades profesionais evidentes no sector, e mais a profesora e biógrafa rosaliana Sofía Deneb.  

           A carón do apuntado resultou moi do meu interese a incorporación, sempre desde a ficción claro é, dese xogo que o autor establece co que se poderían denominar como asuntos literarios ou identitarios, responsables a fin de contas de que amoreen os sucesos delictivos. Unha voz misteriosa anuncia, na primeira páxina, que a súa nai foi “a desgraza, a rabia e mais a furia feitas carne”…, desvelar as claves de actuación dese personaxe anónimo e quen é realmente, constituirá a clave que irá alimentando o thriller, recorrendo dalgún xeito á esencia que repousa implicitamente no célebre poema “A xustiza pola man”. O personaxe, que se cre fillo de quen na realidade non é,  un “príncipe desterrado”,  último representante dunha estirpe que xulga como manipulada, un custodio da memoria,  será o elemento que vaia abrindo as portas para articular  unha visión que pon en cuestión apropiacións, patrimonializacións ou intereses de diversas persoas ou colectivos culturais respecto de Rosalía de Castro e onde fan a súa aparición, insisto que sempre desde a instancia da ficción, personaxes que son trasuntos, ou que semellan selo, dalgunhas persoas do universo cultural galego de onte e de hoxe.

              A memoria da choiva, alén dese xogo sutil que establece entre ficción e realidade, resulta ao tempo unha novela sobre a fraxilidade da memoria e sobre nós mesmos. Non é pouco, abofé.

Esta recensión publicouse baixo o título de “Thriller con teselas literarias” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 23 de novembro de 2013.