«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 65 (novembro-decembro 2013)

Distribúese xa a nova entrega da revista Biblos. Clube de Lectores cunha abondosa oferta galega de libros e música para este vindeiro Nadal. Deixo aquí, coma sempre, a miña colaboración nesta publicación na que tanto, e tan ben, traballan Carmela González e Tucho Calvo.

1. Álvarez Torneiro e Miguelanxo Prado ocuparon, por dereito propio, boa parte da atención mediática dos pasados días. Ambos os dous conseguiron, con libros escritos orixinalmente en lingua galega –Os ángulos da brasa e mais Ardalén, respectivamente- os máximos galardóns a nivel estatal na modalidade de poesía e banda deseñada: uns premios onde a competencia sempre é extraordinariamente dura. Os meus parabéns aos dous autores e ás editoriais -Faktoría K e El Patito Editorial- que fixeron posible a edición dos libros.

2. Igualmente o selo editorial cangués Sushi Books, especializado en publicacións para o ámbito infantil e xuvenil, realizou este outono pasado unha entrada no panorama editorial marcada por un bo número de títulos baixo o criterio de   harmonizar   traducións  doutros idomas e textos orixinais en galego.

3. Outro proxecto que tamén botou a andar hai pouco e ao que cómpre apoiar na medida das posibilidades de cadaquén é a reaparición da   revista   Luzes de Galiza,   dirixida  por  Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro e coordinada por Iago Martínez. Sorte nesta nova andaina.

4.  As publicacións que acollen títulos poéticos, malia seren cuantitativamente menores nos últimos tempos, seguen reividicándose como un xénero necesario. Autores e autoras como Olalla Cociña, Xavier Seoane, M. A. Fernán-Vello, Roi Vidal, Cristina   Ferreiro, Teresa Moure, María do Cebreiro e Daniel Salgado, Cesáreo Sánchez Iglesias ou María Reimóndez (cunha feliz anomalía como son tres poemarios simultáneos en tres diferentes selos editoriais) así o testemuñan.

5.  Alegroume saber do retorno tras catro anos de silencio editorial dunha autora como é Rosa Aneiros. Volve con Ámote Leo A., a primeira entrega dunha triloxía para a mocidade, e non só, cuxos dous volumes restantes se prevén publicar nun curto espazo de tempo.

6. Axóuxere Editora publicou, non hai moito tempo, un libro de Marcos Lorenzo baixo o título de Karlotti, un poema crónico. Un ensaio moi ben escrito que se achega á vida do “gurú do underground ibérico” Juan Carlos Valle “Karlotti”, primeiro personaxe “biografado” do que constituirá unha serie de achegas concibidas para desvelar a vida como saber e arte.