Cuestionario Proust: Fina Casalderrey

Fina Casalderrey

 1.– Principal trazo do seu  carácter?

– Sentimental, romántica e creo que de fiar.

2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?

– A bondade.

3.– Que agarda das súas amizades?

-Que nunca estean lonxe aínda que haxa quilómetros por medio.

4.– A súa principal eiva?

– Doulle demasiadas voltas ás cousas.

5.–  A súa ocupación favorita?

– Descubrir anaquiños novos  do mundo en boa compaña.

6.–  O seu ideal de felicidade?

– Inspirar profundamente, botar o aire amodo  e, mesmo cos ollos pechados, estar confiada, con ganas de sorrir.

7.– Cal sería a súa maior desgraza?

– Sobrevivir a un fillo.

8.– Que lle gustaría ser?

– Fada sabia  e bondadosa, con poderes para cambiar algunhas  cousas.

9.– En que país desexaría vivir?

– No país de Nunca Máis (aquí, pero sen inxustizas, guerras…).

10.– A súa cor favorita?

–  Hoxe, azul (ceo e mar).

11. – A flor que máis lle gusta?

– As rosiñas que nacen espontáneas nos valados, polo recendo.

12.– O paxaro que prefire?

– Se é para me volver paxaro eu, a aguia, se é para contemplar, a curuxa. Gústame ver o seu corazón reflectido no rostro.

13.– A súa devoción na prosa?

– Non son de devoción única: Delibes, José Luis Sampedro, Castelao.

14.– E na poesía?

– Miguel Hernández, Manuel Álvarez Torneiro…

15. Un libro?

La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor.

16.– Un heroe de ficción?

– Ramón Lamote.

17.– Unha heroína?

– Lisbeth Salander.

18.– A súa música favorita?

– Blues para escoitar, boleros para cantar, clásica para relexarme, silencio para pensar…

19.– Na pintura?

– De hoxe, Carmen Pernas (aínda non todo o coñecida que merece). A súa pintura é poesía en cores.

20.–  Un heroe ou heroína na vida real?

– Meu pai.

21.– O seu nome favorito?

– O do fillo, o da filla, porque cando alguén anuncia que chegan, inconscientemente,  algo me muda por dentro. 

22.– Que hábito alleo non soporta?

-Que sempre cheguen tarde a unha cita acordada.

23.– O que máis odia?

– O da hipocrisía.

24.– A figura histórica que máis despreza?

– Nerón, Hitler, Franco…

25.– Un feito militar que admire?

–  Sei dun Xeneral de División, amigo da infancia, que por querer darlle un aire novo ao Corpo, por ser dos que avogaba polo de “adeus ás armas”, por defender á muller… sufriu cambadelas abondo. Admiro o que fixo, por  iso o lembro (finou) como un “capitán de conto”.

26.– Que don natural lle gustaría ter?

– O do paraugas amarelo que aparece en Merlín e familia,  e dominar todas as linguas do mundo.

27. – De que maneira lle gustaría morrer?

– De vella e dun ataque de risa, quizais. A verdade é que, cando de nena, me dixeron que ás tres da tarde chegaría a fin do mundo, funme aterrorizada a durmir a sesta, para que a morte me pillase soñando, e sigo a pensar o mesmo.

28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?

– Contáxiame bastante o estado de ánimo da miña xente.

29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?

– A ignorancia que abrolla da falta de oportunidades.

30.– Un lema na súa vida?

– Vagariño, que levo présa.

1 Comment

Os comentarios están pechados.