Reloxaría Feijoo

Non falo do presidente, abofé que non. Refírome a Pedro Feijoo e á expresión afortunada   que Manuel Bragado empregou -parafraseando á mundialmente coñecida Reloxaría Castro do Calvario vigués- para ilustrar o funcionamento e a estrutura que o autor aplicou, concienciudamente, á novela A memoria da chuvia, que onte se presentou na libraría viguesa Librouro.

    Gustoume moito tamén a dinámica áxil adoptada para a presentación: un diálogo entre autor e editor, no que o primeiro foi interpelado a través dun monllo de cuestións como foron a presión mediática que pode sentir diante da súa segunda novela, a resposta dos lectores e lectoras que Feijoo recibe sempre cos brazos abertos e  a quen formula “unha lectura como reto mais non como problema”.

     Ás cuestións anteriores, nesa hora escasa de diálogo, sumáronse outros asuntos como o do concepto do éxito de vendas e a súa realidade entre nós, as mudanzas entre a súa primeira novela e a presente e, claro, o tratamento outorgado á figura de Rosalía, isto é, o proceso mediante o cal o libro se asoma a  algúns espazos escuros de corte biográfico e como cuestiona algunhas interpretacións biográficas que chegaron, ben vivas, até nós. O escaso convencionalismo no deseño dos “detectives” da obra, a carón da factura dalgúns personaxes do entramado ficcional que anoan a verosimilitude do argumento ou a presenza de localizacións nalgunha medida recoñecibles, alén das intertextualidades ou mesmo deses “xogos no aire” agochados no libro puxeron fin ao diálogo a dúas bandas até que apareceu a sorpresa da presentación. Ese terceiro interlocutor que a todos sorprendeu: o protagonista da novela, Adriano, disfrazado do actor Paco Barreiro ou talvez Paco Barreiro disfrazado de Adriano, xa non sei ben, pois como escribiu Ferrín en Arraianos: un “calafrío percorreu a res” de todos cantos alí estabamos cun discurso e unha actuación memorables que se correspondía, xustamente, ao comezo do libro e a outro fragmento, nada amable, da novela.

      Un serán magnífico o de onte. Ademais de compartir con amigos e amigas esta presentación tróuxome o galano de saudar ao meu vello amigo e admirado escritor Cid Cabido, de quen case chegara a dubidar se aínda seguía a vivir entre nós. E por aquí anda, e con suxestivos proxectos, abofé.

         Grazas, en fin, á novela de Feijoo que onte fixo posible que se producisen estes felices e literarios encontros.