1.– Principal trazo do seu carácter?
–Pois non che sei moi ben… A vontade de transmitir o que penso e no que creo, talvez…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Que teñan en conta o Outro (e o “Outro” é moi variado, claro está…)
3.– Que agarda das súas amizades?
-Amizade.
4.– A súa principal eiva?
-A pesadez, ou a nugalla ou a desorde… Calquera, de fóra, diría varias máis, supoño…
5.– A súa ocupación favorita?
-Fóra do traballo, entendo que é… Así que facer o que me peta, sen horarios.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Conciliar recordos do pasado con posibilidades do presente.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-A morte ou o infortunio da xente que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
-O que son: profesora e escritora.
9.– En que país desexaría vivir?
-Na miña nación: a Galiza.
10.– A súa cor favorita?
-A verde.
11. – A flor que máis lle gusta?
-A malvela e os pensamentos.
12.– O paxaro que prefire?
-O carrizo.
13.– A súa devoción na prosa?
-Eduardo Blanco Amor e Ricardo Carvalho Calero.
14.– E na poesía?
-Rosalía de Castro.
15. Un libro?
-Follas novas, de Rosalía de Castro.
16.– Un heroe de ficción?
-Un contra-heroe: Caliban, d´A tempestade, de Shakespeare.
17.– Unha heroína?
-Mara, de Flavio, de Rosalía de Castro.
18.– A súa música favorita?
-Son músicas, en plural, moitas: case toda a clásica, a das bandas, case toda a galega actual, moita da portuguesa e brasileira, a italiana, moita da inglesa e norteamericana dos anos ´60 e ’70 sobre todo, a bailábel latinoamericana…
19.– Na pintura?
-Castelao e Maruja Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A cuidadora cariñosa e responsábel de nenos, vellos ou doentes.
21.– O seu nome favorito?
-Eduardo, Helena, Luís, María, Xavier…
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A prepotencia.
23.– O que máis odia?
-O clasismo e a humillación para cos de abaixo. O machismo, patente ou soterrado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-O escravista de onte e o imperialista de hoxe.
25.– Un feito militar que admire?
-A expulsión de Batista do goberno de Cuba.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-O don da paciencia e da perseveranza a partes iguais.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-Da máis breve posíbel.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
–Pensatibre, que diría o personaxe de Castelao…
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que nacen da boa fe.
30.– Un lema na súa vida?
-Fai o ben que puderes e evita o mal de que fores capaz.
1 Comment
Os comentarios están pechados.