De Proust a Atxaga

Coñezo hoxe dúas noticias que moito me prestan e das que quero deixar constancia aquí. A primeira é o agrado que me causou a reportaxe de Carme Vidal sobre a iniciativa do Cuestionario Proust e, o que é máis relevante, esa visión global das respostas dos enquisados e enquisadas até o de agora, a quen realmente lles teño que agradecer que esta sección exista. O primeiro sorprendido, con sinceridade, da repercusión e o eco que obtivo este proxecto son eu mesmo. Mais volvo ao rego e só quero hoxe expresar o meu agradecemento polo tratamento xornalístico que Vidal realizou do Cuestionario nas páxinas do Sermos Galiza dixital. Obrigado!

          Asemade, non podo deixar de compartir a alegría que me provocou a noticia de que a AELG decidise nomear “Escritor Galego Universal” a Bernardo Atxaga. Os meus parabéns para un autor  que coñece e se inspirou en moitos autores da nosa tradición literaria -nomeadamente nos seus principios poéticos en Celso Emilio Ferreiro- para crear unha obra sólida, singular e coherente, da que salienta hoxe a súa obra narrativa que goza de recoñecemento internacional.